Unha construtora ameaza con desaloxar un centro social ocupado en Compostela

Activistas informaron de que hai varios días iniciaron as obras de acceso a tres vivendas que están aínda por construír, mais cuxa licenza está a piques de caducar. Ao redor de 50 persoas xuntáronse para parar as máquinas, que teiman en que o camiño atravese polo medio da horta

As obras dunha construtora de Compostela, Construccións Otero Pombo, S.A., ameazan a actividade do centro social ocupado A Casa do Vento. Segundo informaron @s activistas, varias excavadoras traballan desde hai varios días para abrir un camiño de acceso a tres vivendas que están sen construír.

Ao parecer, tal e como sinalaron traballadores da empresa, a licenza está a piques de caducar, polo que se deu orde de habilitar o acceso, que rodeará a casa ocupada.

Porén, as escavadoras teiman en atravesar polo medio da horta e ao redor de 50 persoas xuntáronse para parar as máquinas, en sinal de protesta.

"Teñen moito furado xa, mais empezaron pola parte máis afastada da casa".

Levarán por diante árbores e especies vexetais, mais tamén un cruceiro de pedra "que están a cubrir de terra", apuntou unha activista a este xornal.

Sospeitan que a construción das vivendas demorará aínda, mais non temen que boten embaixo a Casa do Vento.

Segundo explican, é propiedade do mesmo empresario que levantará os outros tres inmobles "e vaina deixar caer de vella".

Axentes da policía personáronse no lugar para proceder ao desaloxo e á identificación d@s manifestantes, mais ao non levar canda si unha orde xudicial foilles impedida a entrada "tanto á horta como á ocupada".