Unha manchea de actividades para conmemorar o Día da Terra

Obras do AVE en Ourense [Arquivo SG]

Cadrando con esta xornada reivindicativa, os colectivos ecoloxistas da Galiza queren que as súas axendas furen entre a actualidade informativa e coloquen a problemática medioambiental como prioritaria durante os vindeiros sete días


Concienciar sobre a responsabilidade que as persoas temos no avance do cambio climático, unha problemática que ficou agochada nunha maré de informacións relacionadas coa crise capitalista mais que segue a estar aí, con repercusións na nosa vida diaria.

Con este obxectivo os colectivos ecoloxistas da Galiza conmemoran esta semana o Día da Terra, cun completo programa de actividades que non deixará ninguén indiferente. Achegamos as convocadas polas asociacións Amig@s da Terra e Adega.

'O tren si, mais non así'

Amig@s da Terra centra a carga reivindicativa en Ourense e nas "desfeitas" que as obras do tren de alta velocidade están a causar nos ríos do lugar. Coa colaboración da Plataforma ríos limpos, organizaron dous roteiros para visitar zonas como a fraga dos 'Soutos', en risco de desaparecer, e outros lugares onde é apreciábel a falta de medidas correctoras para o forte impacto medioambiental que carrexa este tren. 

Para o día 22 ás oito do serán está prevista unha ponencia no campus universitario ourensán onde Ríos limpos proxectará varias imaxes para analizar o deterioro do patrimonio natural galego. Todo isto nun programa de actividades que leva por título 'O tren si, mais non así'. 

'A cara do cambio climático'

As achegas de Adega arrincan o día 24 cun encontro solar na Universidade da Coruña onde se divulgarán as posibilidades da enerxía solar para a ir incorporando ao uso cotián. Está programada unha exposición de aparellos, unha mostra de gastronomía e unha visita á instalación fotovoltaica da UdC. 

O día 26 as actividades de concienciación realizaranse en Carballo, nunha xornada dedicada ás crianzas e a aumentar a súa autonomía nas cidades a través da redución do uso de carros ou o desprazamento en autobús aos centros escolares. En definitiva: recuperar as rúas para as persoas. 

Na xornada seguinte a cita é en Vilagarcía, cun curso de formación do voluntariado ambiental que se vén realizando ano a ano e que ben podería culminar coa actividade proposta para o domingo, día 28: un roteiro polo treito alto do río Lérez, en Forcarei, tramo de pesca sen morte creada a iniciativa desta asociación ecoloxista.