Alertan da posíbel instalación de parques eólicos "a escasos metros" de núcleos rurais históricos

José Antonio Diéguez, de Ventonoso e Jacobo Feijoo, de Unións Agrarias (Foto: UUAA)

Unións Agrarias e Ventonoso instan a Xunta da Galiza  “a tomar cartas no asunto e a realizar os trámites que sexan precisos para evitar que nin un só dos 42 novos parques que nestes momentos se atopan en tramitación por vía autonómica se instalen a menos dos 1.000 metros legalmente estabelecidos”.

Unións Agrarias e Ventonoso alertan da posíbel instalación de parques eólicos a escasos metros de núcleos rurais históricos. “A pesar de que a normativa vixente estabelece unha distancia mínima entre os parques e os núcleos rurais consolidados de 5 veces a altura dos aeroxeradores (o que resultaría nuns 1.000 metros) dáse a circunstancia de que a meirande parte dos planeamentos de ordenación urbanística de Galiza non se atopan debidamente actualizados. Unha situación alarmante que abre a porta á ubicación de novas instalacións de xeración de enerxía ás portas de áreas poboadas”, indica a organización agraria.

Unións Agrarias insta a Xunta da Galiza  “a tomar cartas no asunto e a realizar os trámites que sexan precisos para evitar que nin un só dos 42 novos parques que nestes momentos se atopan en tramitación por vía autonómica se instalen a menos dos 1.000 metros legalmente estabelecidos”.

A organización ten constancia das intencións dalgunhas promotoras de aproveitar o baleiro legal que se abre en torno a numerosos núcleos históricos galegos sen catalogar para instalar aeroxeradores “practicamente ás portas de núcleos de vivendas”. “Unha aberración á que compre pórr couto, e que as propias empresas, por responsabilidade social, deberan evitar”, indican.

A instalación dun aeroxerador de 200 metros de altura a 200 metros dunha zona poboada non só supón unha incomodidade e unha mingua da calidade de vida da veciñanza, sinala UUAA, no que a contaminación sonora e visual supón. “Implica tamén un risco enorme no que a posibilidade de accidentes se refire, que en ningún caso pode ser asumido”.

Unións Agrarias e Ventonoso animan a toda a veciñanza das zonas afectadas pola posíbel instalación de novos parques a pórse en contacto coa organización para recibir o asesoramento legal preciso e dar respaldo en posíbeis reclamacións ou acción legais ou administrativas.

Os 42 novos parques proxectados suporían a instalación de máis de 1000 novos megavatios. 18 deles situaríanse na provincia de Pontevedra, 11 en Lugo, 8 na Coruña e 5 en Ourense.