A USC celebra o "desaloxo pacífico" dos fechamentos por Palestina e non descarta sancións

Rolda de prensa do reitor da USC, Antonio López, esta cuarta feira. (Foto: Arxina)
O reitor da USC avanzou que a universidade convidará o alumnado da protesta a participar na comisión creada pola institución para o "desenvolvemento de accións en favor da comunidade universitaria de Palestina".

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, celebrou o "desaloxo pacífico" dos dous fechamentos por Palestina que se mantiñan no Pazo de Fonseca –sede do Reitorado– e na Facultade de Xeografía e Historia efectuado á primeira hora da cuarta feira  por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Ademais, non descartou que a universidade sancione ou denuncie as e os mozos que promoveron estas accións, aínda que "primeiro hai que saber quen eran" e avaliar posíbeis danos. "Depende da situación que apareza nos edificios [agora desaloxados] e, en función diso, procederemos", explicou.

O reitor compareceu nunha rolda de prensa ofrecida na Casa da Balconada acompañado de parte do goberno da USC e do decano de Xeografía e Historia, Marco V. García Quintela. Mentres, un grupo de estudantes manifestábanse ás portas con proclamas en favor do pobo palestino.

Protestas

A primeira acampada de protesta comezou a mediados de maio na Facultade de Historia. Desde entón as accións escalaron até que esta segunda feira un grupo de estudantes entrou no Pazo de Fonseca e ocupou a sala onde decorría o consello de goberno da universidade; para impedir o paso de traballadores da institución académica ao día seguinte.

O reitor xustificou que se esgotaron todas as posibilidades de diálogo

Antonio López confirmou o desaloxo "pacífico" –algo que negan as afectadas–, de 35 persoas que había dentro do Pazo de Fonseca e doutras catro que quedaban acampadas en Historia, a pesar de que en semanas anteriores chegaran a ser máis dun cento.

O reitor xustificou que se esgotaron "todas as posibilidades de diálogo" e que se estaban producindo "comportamentos inaceptábeis" por parte deste grupo, polo que chamou a "recuperar a convivencia democrática e o funcionamento ordinario da universidade".

Hora de "actuar"

López insistiu na idea de que agora empeza "a fase de actuar". Segundo defendeu, a USC realizou até o momento varios "pronunciamentos decididos" en favor dun cesamento do fogo a través do claustro e do propio goberno.

Agora, anunciou o reitor, o consello de goberno impulsará unha comisión na que convidará a protesta a participar, para o "desenvolvemento de accións en favor da comunidade universitaria de Palestina".

De feito, confirmou que este órgano "xa foi constituído" e adoptáronse "algunhas medidas" como unha vía de axudas a universidades e a que máis estudantes de Palestina poidan vir a Santiago. A isto sumou "calquera outra acción" que sitúe á USC en "mitigar os efectos deste conflito".

López insistiu en que "até onte [terza feira] a altas horas da tarde" o seu equipo estivo "en contacto" cos representantes da protesta para buscar vías de diálogo e negociación, coa condición indispensábel de "eliminar a ocupación de edificios", porque isto supuña "unha chantaxe á universidade", dixo.