A USC fechou o exercicio de 2022 cun superávit de 3,5 millóns de euros

A xuntanza decorreu esta quinta feira no Colexio San Xerome. (Foto: Santi Alvite)

Após un procedemento tramitado polo Concello de Santiago de Compostela, o antigo Hospital de Galeras será unha residencia de estudantes

A Universidade de Santiago de Compostela fechou o pasado exercicio económico de 2022 cun superávit de 3,5 millóns de euros, co que a institución concatena catro anos de estabilidade orzamentaria nos que o balance orzamentario rematou sempre de xeito positivo.

Ademais, no período de goberno asociado ao reitorado de Antonio López o orzamento da institución pasou desde os 244 millóns de euros do exercicio 2019 aos 274 millóns do pasado ano. Estes indicadores derivan do informe de xestión presentado esta quinta feira no Consello de Goberno en relación á execución orzamentaria de 2022.

A execución desta política de xestión económica permitiu “o incremento dos recursos para a contratación e mellora das condicións de traballo do persoal”. Neste apartado a institución salienta o exemplo do cadro investigador, xa que no quinquenio do reitorado de Antonio López “alcanzáronse diversos acordos orientados á eliminación da precariedade e a súa estabilidade, como o recoñecemento de antigüidade do persoal investigador e de apoio á investigación ou a definición do novo marco laboral en materia de clasificación profesional e condicións retributivas negociado e acordado coa representación sindical, entre outras iniciativas”. Estas medidas supuxeron, segundo a USC, un incremento medio das condicións retributivas próximo ao 17% no período 2019-2023.

Nova residencia de estudantes

Na xuntanza o reitor deu conta do acordo alcanzado coa empresas Asteriscos Patrimonial co que se pon fin a un longo período de desacordo pola venda da parcela ocupada polo antigo Hospital de Galeras. Segundo o acordo, Asteriscos asume todos os deberes como propietaria do inmóbel, subrogándose e asumindo os deberes estabelecidos no procedemento tramitado polo Concello de Compostela. Segundo se puido saber esta quinta feira, o antigo Hospital de Galeras está chamado a ser unha residencia de estudantes.

Doutoramento honoris causa

Claire Chenu, proposta polo departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, e Francesco Tonucci, proposto polo departamento de Pedagoxía e Didáctica, serán investidos co doutoramento honoris causa da USC, unha vez que a proposta, abordada no Consello de Goberno desta quinta feira, sexa aprobada polo Claustro Universitario.

Claire Chenu, profesora de Ciencias do Solo na Université AgroParisTech, é un referente mundial na interacción entre organismos vivos e compoñentes orgánicos e minerais do solo.

Pola súa parte, Francesco Tonucci é investigador e académico no eido da Psicoloxía infantil, ademais de recoñecido impulsor do ‘Progetto internazionale La città dei bambini’ do Consiglio Nazionale delle Ricerche.

Novas titulacións

Biociencias Moleculares, Economía Circular e Ensino de Español como Lingua Estranxeira ou Segunda Lingua son as novas propostas de titulacións de mestrado universitario aprobadas polo Consello de Goberno para a súa implantación no curso 2024/2025. Ademais, o órgano colexiado abordou as modificacións substanciais de titulacións de grao, mestrado universitario e programas de doutoramento para o curso 2024/2025, e a oferta e as memorias de estudos propios.