A USC perdeu máis de 180 docentes en tres anos

Pazo de Fonseca [Imaxe Galipedia]

A CIG alerta dunha maior redución orzamental e de efectivos após coñecer o Plan de Esquilibrio Orzamentario deseñado pola equipa de goberno da universidade.

 

Co inicio dun novo ano académico a equipa de goberno da USC presentou o seu Plan de Equilibrio Orzamentario para 2014-2015. Desde a Confederación Intersindical Galega, Persoal Docente e Investigador (PDI) e Persoal de Administración e Servizos (PAS) alertan da "descapitalización" e dos "efectos devastadores" que carrexará a medida. 

Aliás, denuncian as reducións orzamentarias desenvolvidas nos últimos tres anos e que supuxeron a queda dos salarios e unha importante perda de peroal. 

Neste senso, nos últimos 3 anos a USC viu reducido o seu cadro de Persoal Docente e Investigador (PDI) en 184 efectivos. De 2.304 en 2010 a 2.120 no 2013. Un recorte que se sumou á redución de 50 millóns de euros nos orzamentos e un recorte de 33 millóns aplicado pola propia universidade --através de medidas de aforro-- que precarizaron as remuneracións salarias do persoal contratado con reducións nas nóminas, conxelacións salariais e pagamentos extraordinarios. 

O persoal investigador podería pasar de 1.000 a 600 persoas de se aplicar o Plan de Equilibrio Orzamentario

Os recortes de persoal aplicáronse tamén na taxa de reposición para PDI, situada no 10%, e que podería manterse nesta porcentaxe durante os vindeiros anos como lle informou á CIG a xerencia da USC. Aliás, prevese que a contratación de persoal investigador pase de 1.000 a só 600 persoas de se aplicar o Plan de Equilibrio presentado.

Un Plan de Financiamento para o SUG

A perda de persoal, afirmou a representante da central sindical nacionalista, Alba Nogueira, é "sumamente lesiva" e "terá graves consecuencias nas propias titulacións" pois os recortes, din, "son devastadores para a prestación do servizo público universitario". Neste senso, desde a CIG demandan explicacións da USC a respeito das titulacións universitarias e mestrados que puidesen desaparecer por non contar con profesorado suficiente para impartir aulas. 

Titulacións e mestrados poderían desaparecer por falta de profesorado

Desde a central sindical nacionalista aseguran que "o problema da USC é un problema de financiamento" que devén dos recortes implementados pola Xunta de Galiza que "non ingresa" á institución parte do seu orzamento.

Perante esta situación sinalan como solución que se exixa un Plan de Financiamento das universidades que teña en conta, no caso da de Santiago, os gastos en mantemento de edificios históricos, do arquivo e mesmo o gasto extra de salarios que supón ter un persoal cunha media de idade superior ao de outras universidades.