Usuarias e usuarios de Renfe denuncian os atrasos ferroviarios diante de Arbitraxe

Dous trens agardando a saída na estación de tren de Santiago de Compostela (Foto: Arxina/ Europa Press).
O Sistema Arbitral de Consumo da Xunta da Galiza decidirá hoxe parte das queixas presentadas debido aos atrasos no servizo de Renfe nas liñas de ferrocarril. As múltiples reclamacións son de carácter individual. Diversos colectivos urxen solucionar un problema que continúa tamén este mes de xaneiro.

As plataformas de Usuarias e Usuarios de Media Distancia da Galiza e Perder o tren teñen unha cita esta terza feira co Sistema Arbitral de Consumo, do Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Xunta da Galiza, para resolver as demandas presentadas diante de Renfe polos continuos atrasos en varias das súas liñas.

Algunhas denuncias foron colectivas mais as que se tratarán hoxe serán as individuais que rematarán así o seu camiño administrativo coa resolución que dite este organismo.

Entre as demandas que se tratarán esta terza feira atópase a presentada por unha das impulsoras da primeira destas plataformas, Iria Méndez, que explica a Nós Diario que tiveron que optar por esta vía após meses -algunhas son de marzo de 2022- sen resposta por parte de Renfe. Nas reclamacións presentadas inclúen os gastos que tiveron como consecuencia da falta de puntualidade e a propia demanda.

“Para poder chegar ao traballo tiven que coller un taxi e a reiteración destes atrasos obrigoume a pedir unha redución de xornada e soldo no meu traballo”, sinala esta viaxeira, que acumulou neste período até un total de seis reclamacións. 

Atrasos diarios

Diante da falta de información de Renfe, ambas as plataformas analizaron cales son as liñas de ferrocarril máis problemáticas en relación aos atrasos. Indican que desde A Coruña son os primeiros trens da mañá (7, 8 e 9 horas), o primeiro de Vigo (6.40 e 8 horas) e os Avant cara a Ourense que, malia contar con menos paradas, teñen atrasos. “Os atrasos poden ir de 15 até 20 minutos mais tamén houbo días, como o pasado 4 de xaneiro, en que o tren que saía ás 15 horas desde A Coruña rematou chegando con media hora de atraso”, pon de exemplo Méndez.

Falta de frecuencias

Tamén faltan frecuencias na Media Distancia, con paradas entre as grandes cidades, que non recuperaron a normalidade anterior á chegada da pandemia da Covid-19. É o caso de Vilagarcía de Arousa que contaba con 39 trens antes de marzo de 2020 e que o ano pasado só chegaba aos 28. Entre a faixa horaria das 15.50 horas e as 19.08 non hai trens rexionais que dean servizo ás poboacións medias comprendidas entre as estacións da Coruña e Vigo

Fontes de Renfe consultadas por Nós Diario sinalan que na Galiza, nos servizos de Media Distancia e Proximidades Ancho Métrico, do 100% do servizo que había en 2019 “falta por repoñer aproximadamente un 15%, con respecto aos que si circulaban antes da crise sanitaria”.

Falta de transparencia e accesibilidade

As plataformas advirten da falta de transparencia e accesibilidade na información que facilita Renfe para efectuar as reclamacións. “Non existe unha táboa de atrasos nin un lugar dixital onde consultar estas circunstancias”, di Méndez, “cremos que son artimañas para dificultar os nosos dereitos”.

A esta falta de “accesibilidade” engádeselle o resultado final da reclamación. “Non nos chegan as devolucións e agora, co abono gratuíto, non existen, aínda que nós seguimos pagando impostos e Renfe cobrando o 100% do servizo”, informa. Alén diso, tampouco contan con información das causas "que poden ir desde fallos de Adif até a desgraza de suicidios".