Os usuarios do CHUS reclama máis medios para atender aos pacientes oncolóxicos

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, comparecendo na Cámara galega. (Foto: Europa Press).

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS demanda máis medios para atender aos pacientes oncolóxicos do CHUS e cuestiona as propostas formuladas polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez.

A proposta do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, de mudar os criterios de asistencia aos pacientes oncolóxicos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) non convence aos usuarios.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS lamenta que “se estea formulando unha revisión dos protocolos de seguimento precisamente no momento en que se produce a súa suspensión e demora por falla de recursos humanos”.

A entidade alerta de que a proposta chega tras recoñecer o conselleiro que “a insuficiencia do cadro de persoal está motivada pola falla de profesionais”. Neste punto, lembra que “os protocolos vixentes están fundamentados na evidencia científica”.

“Uso fraudulento do protocolo”

O colectivo considera que se trata dun “uso fraudulento do protocolo de atención converténdoo nun instrumento de xestión que permita, reducir a intensidade da atención en función duns recursos sanitarios manifestamente insuficientes, constituíndo un risco para a nosa saúde e a nosa vida derivado directamente de subtraernos a atención adecuada que se nos debe dispensar”.

A asociación entende que “tampouco resulta admisíbel que se nos discrimine con relación a pacientes oncolóxicos dependentes doutros sistemas sanitarios simplemente por unha solución inmediata e irracional para cadrar as contas”.

A entidade rexeita o modelo instaurado pola Xerencia e o servizo de Oncoloxía do CHUS desde outubro de 2022. O mesmo estabelece “que os controis de seguimento e avaliación sexan susceptíbeis de priorización por falla de medios fronte aos pacientes que están en tratamento”.

As axendas dinámicas

A entidade demanda a supresión do sistema de axendas dinámicas. A este respecto, considera que incumpre “a Orde da Consellería de Sanidade do 14 de xullo do 2004 ao permitir que os pacientes que estamos sometidos a seguimento saiamos das consultas de control sen cita para a seguinte, de acordo cos prazos fixados polos protocolos en vigor”.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS desvela que “este modelo de xestión da demanda programada de consultas externas crea un limbo antixurídico que produce incerteza, abandono asistencial e tensión, algo que afecta directamente ao proceso de curación, aumenta as posibilidades de repetición da doenza e permite manexar a demanda de atención á marxe dos criterios clínicos”.