Uxía Rial: "Día a día os contidos en galego aumentan cada vez máis nas redes"

Uxía Rial.
Uxía Rial é unha xornalista e estudante de Belas Artes que comezou co seu proxecto artístico "Feitizos do lar" cando estivo de Erasmus en Lisboa. Na actualidade dedícase á ilustración e á confección de pendentes artesanais.

Como naceu "Feitizos do lar"?

"Feitizos do lar" naceu como un blog persoal que eu tiña tempo atrás, no que escribía e compartía os meus textos. Por outra parte, sempre me gustou debuxar, mais era unha faceta á que non lle vira nunca a posibilidade de poder ser mostrada aos demais. Foi algo que facía só para min, até que chegou o Erasmus. Foi unha época na que debuxei moitísimo, e comecei a ensinarlles ás miñas amigas esas primeiras ilustracións. Elas animáronme a mostralas. Aí decidín crear a conta de Instagram e combinar o texto co debuxo. Posteriormente empecei coa confección de pendentes. Nun principio a miña idea era dar visibilidade ao meu contido, pero agora xa o tomo máis en serio.

Cando decidiu que o proxecto pasaría a converterse nunha fonte de ingresos?

Penso que existe unha concepción xeneralizada de que as artistas crean contido polo propio desfrute de crealo, e non é así. Temos que ser conscientes de que vivimos nun mundo rexido polo capitalismo. Todas necesitamos ingresos, eu a primeira. Cando vin que cunha actividade que me gusta e que penso que se me dá ben podía tamén gañar cartos, decidín aproveitala.

Hai algunha temática en específico que prefira tratar?

Considérome unha persoa bastante sentimental. Intento tocar o tema das emocións, as relacións interpersoais, de amizade, románticas, familiares... Falo moito da sexualidade e do feminismo. Busco que a miña ideoloxía estea presente no meu contido. Nunca perdo de vista que as miñas creacións son unha parte do que eu son. Quero que iso se vexa sempre reflexado, tanto a nivel sentimental como a nivel político e social.

Do contido que creou até o de agora, con que queda?

Agora mesmo, estou nun punto no que me gustan sobre todo aquelas ilustracións que teñen un punto reivindicativo, máis que aquelas que teñen un compoñente puramente estético. Son unha persoa que adoita preferir esa vertente de reivindicación que che comentaba. Recordo especialmente un vídeo que subín á conta de Instagram no que falaba sobre a bisexualidade e as presións e estereotipos que aínda vivimos as persoas bisexuais. Ese vídeo tivera moitas visualizacións e compartírase moito. Alegroume ver esa repercusión, porque son unha persoa á que lle gusta falar e opinar nas redes. Foi moi satisfactorio ver o resultado final.

Que impresión ten do panorama artístico emerxente na Galiza? 

As persoas que subimos contido en galego ás redes sociais sempre temos que loitar coa pregunta de por que empregamos o galego. Penso que a resposta é tan evidente que nin sequera deberíamos ter que contestar a este tipo de cuestións. Penso que o panorama artístico e cultural actual atópase nun escenario moi complexo. Existen complicacións para medrar e destacar, ás que cómpre sumar a precariedade estrutural. Aínda así, estou contenta por ver que día a día os contidos en galego aumentan cada vez máis nas redes. Non sei se é percepción miña, pero vexo que as creadoras galegas xúntanse para dar cada vez proxectos máis grandes e ambiciosos.

Por onde debería pasar o apoio das institucións ás novas artistas galegas?

Penso que se deberían centrar na educación e nas axudas a pequenas creadoras autónomas. A educación, como en calquera disciplina social, é un piar básico para fomentar un consumo responsábel e ético da arte. E as axudas son básicas para que as pequenas creadoras poidan continuar co seu traballo artístico ao tempo que poden facer fronte aos seus gastos. Na miña opinión, eses deberían ser os focos principais de actuación.