A vacina da Covid-19 podería administrarse a partir de decembro a grupos concretos da poboación

Outros países como Rusia tamén están facendo probas para dar coa vacina. (Foto: Europa Press)

A aplicación desta sería a determinados grupos poboacionais consensuados entre todas as comunidades autónomas. O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, recoñeceu esta segunda feira que xa se está xestionando a compra.

A vacina para protexer á poboación do mal do coronavirus semella estar máis preto que nunca de España e mesmo da Galiza. Durante unha entrevista na TVE, o presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, explicou que agarda que este tratamento “poida comezar a administrarse a determinados grupos poboacionais, consensuados coas comunidades autónomas, a partir do mes de decembro”.

Para aclarar o por que desa data, o político recordou que a Unión Europea “é a que está a xestionar a compra das vacinas contra o novo coronavirus”.  

As negociacións son para mercar a desenrolada pola Universidade de Oxford (Reino Unido) e a compañía AstraZeneca, pois é o medicamento que está máis avanzado.

“Agora mesmo, a nivel europeo, estamos a fechar contratos con distintas farmacéuticas”, salientou. O obxectivo é que “a accesibilidade sexa para todos os cidadáns europeos e o contrato xa se fechou con AstraZeneca e Oxford”.

Foi o primeiro en concretarse porque esta colaboración científico-sanitaria “é a que agora mesmo ten os ensaios máis avanzados. “Agardamos que no mes de decembro poidamos comezar a vacinar a unha parte da poboación en España”, aclarou ao fío dos avances.

Para ir máis aló, Sánchez concretou que este mércores, no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) presidido polo ministro de Sanidade, Salvador Illa, comezarán a falar de que grupos da cidadanía deben ser tratados primeiro coa vacina.

Na súa intervención confiou na alianza da ciencia e o mellor coñecemento que ten a medicina da enfermidade, para que haxa unha mellor xestión. Tamén por parte da poboación. Porén, advertiu de que o virus segue a ser un “gran descoñecido e un adversario mortífero”.

En calquera caso subliñou: “Con independencia de que o número de contaxios sexa equiparábel á situación que tiñamos en marzo e abril, a pandemia non é das mesmas características do que desgraciadamente vivimos”.

A mirada posta nos ERTE

Por outra banda, Sánchez amosouse aberto a extender os ERTE provocados por esta crise sanitaria e, xa, económica.

Este sistema afecta na actualidade a 700.000 traballadoras e traballadores. No entanto, "o importa é continuar coa reactivación dos postos de traballo, para o que se están a estudar determinados incentivos".