Por que é importante a vacina contra o virus papiloma humano tamén nos rapaces?

Adolescentes varóns entre 15 e 18 anos, chamados a vcinarse contra o virus do papiloma humano. (Foto: Sherry Young)
Desde esta cuarta feira os adolescentes, homes, de entre 15 e 18 anos poden vacinarse contra o virus do papiloma humano.

É a medida de prevención máis eficaz contra a infección polo virus do papiloma humano (VPH), moi común entre a poboación. Estímase que 8 de cada 10 persoas sexualmente activas contraerano nalgún momento das súas vidas. Na maior parte dos casos, o virus será eliminado polo sistema inmune sen deixar secuelas, pero nun 15% a infección persistirá e co paso dos anos pode derivar na aparición de cancro e distintas lesións.

O virus do papiloma humano causa a maioría dos cancros de colo uterino, algúns cancros de ano, vulva, vaxina e orofarinxe, así como lesións precancerosas e verrugas xenitais, no caso das nenas, e cancros orofarínxeos, anais e de pene, entre outros, no caso dos nenos; polo que a vacinación, ao non existir tratamento, é a mellor forma de previr calquera infección.

Protección cruzada

A principal vía de infección do VPH é a través das relacións sexuais. Así, as autoridades sanitarias recomendan pór a vacina antes do inicio da actividade sexual e dunha exposición potencial ao virus. É a forma de asegurar que a persoa recibe a máxima protección.

Con este obxectivo, o Sergas amplía desde esta cuarta feira a inmunización a todos os nados entre 2006 e 2009, é dicir a quen hoxe son adolescentes de entre 15 e 18 anos, e aínda non se vacinaron.

Segundo explicou o presidente da Xunta da Galiza a pasada segunda feira, tras o Consello da Xunta, a administración sanitaria "chegar a 27.000 nenos que agora quedaban fóra do calendario para esta vacina".

Desta maneira, avanzou Alfonso Rueda, a Galiza adiántase á recomendación da Comisión Nacional de Saúde Pública de implantar a vacinación dos nenos menores de 15 a 18 anos e cunha única dose no canto de dúas, xa que a evidencia científica actual demostra a súa eficacia en persoas sen contacto previo co virus.

Vacina desde os 12 anos

O obxectivo principal desta medida, salientou Rueda, é "reducir a incidencia das patoloxías de cancro asociadas ao virus do papiloma humano" en homes e, ademais, obter unha protección cruzada nas nenas.

A vacinación contra o VPH arrincou en Galicia no ano 2008, no caso das nenas, e foise ampliando progresivamente até que no ano 2022 decidiuse vacinar todos os nenos nados a partir do ano 2010.

O Sergas ofrece esta picada fronte ao virus do papiloma humano cando as crianzas fan os 12 anos. A porcentaxe de adherencia en nenas desde que se incluíu no seu calendario vacinal está perto de 100%, en nadas desde 2006 a 2010. No caso dos nenos, de 2010 a cobertura próxima abeira 93%.