A vaga de calor desta semana causou 11 falecementos na Galiza

Persoas camiñando pola cidade de Ourense durante a vaga de calor. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Para a semana prevese que volvan altos rexistros de temperaturas.

Once persoas perderon a vida no que vai de semana na Galiza por mor das altas temperaturas que viñeron da man da vaga de calor. Na súa maioría mulleres (7) e de avanzada idade —8 das persoas mortas tiñan máis de 85 anos—. 

O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade.

No que respecta a Galiza, rexistrou 3 falecementos na terza feira por estas causas, 4 o día 24 e 5 a quinta feira, 25 de xullo.

A mortalidade que se atribúe á calor ou ao frío moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calor ou por conxelación. O que realmente fai a calor ou o frío "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas", segundo ten explicado Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático e Saúde do Instituto de Saúde Carlos III. A consecuencia máis extrema é a morte.

"A primeira vaga de calor ou de frío leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando". 

Cada vez máis vagas de calor e cada vez de temperaturas máis altas. O mundo científico leva tempo advertindo de que o incremento da temperatura non é algo puntual ou conxuntural e tamén na Galiza se deixan notar os efectos sobre diferentes cuestións. Unha delas é a que analiza un equipo de persoal investigador e científico do Instituto de Saúde Global (ISG) de Barcelona, que estudou 11 millóns de ingresos nos hospitais no Estado español —entre eles, os da Galiza— nestes últimos 14 anos: As vagas de calor provocan o aumento do risco de ingreso hospitalario.

No que atinxe á Galiza ese incremento das hospitalizacións é de perto de 9%. O estudo tamén contempla os resultados por provincias. Onde maior aumento se dá nos ingresos hospitalarios cando hai unha vaga de calor é na de Pontevedra, cunha suba de 9,6%. No outro extremo está Lugo, con 7,8%.

Entre medias, Ourense, con 9,3% de aumento e A Coruña, con 7,9%. O traballo que vén de publicar o ISG recolle como esas altas temperaturas teñen maior impacto na Galiza á hora dos ingresos hospitalarios que en territorios como Andalucía, onde as hospitalizacións por ese motivo soben case 3 puntos menos: 6,3%; ou áreas do Mediterráneo como Tarragona (8,2%) ou provincias da meseta española, como Toledo, onde ese incremento é de menos de 7%.