A vaga de calor tinxe boa parte da Galiza con alerta amarela e laranxa

Non é aconsellábel visitar as praias nas horas de máxima calor (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A temperatura máxima hoxe rexistrouse en Arnoia, 39.6º e mañá prevese que se superen os 40º nalgúns concellos.

A vaga de calor deixou esta sexta feira temperaturas máximas de 39.6 graos en Arnoia e 38.8 en Leiro, ambas as dúas na comarca do Ribeiro . Por riba dos 38 graos tamén estiveron en Vilamartín (Valdeorras), onde se alcanzaron os 38.7; Verín (comarca homónima), con 38.3; e Ourense, que rexistrou 30.2 graos.

A irrupción do ar cálido procedente do norte de África elevou xa esta quinta os termómetros até máximas abeirando os 37 graos, como a rexistrada precisamente en Leiro. Mais a  situación aínda extremou máis esta sexta feira, con alerta amarela por calor na comarca de Valdeorras, a conca de Ourense do Miño e parte dos concellos ribeiráns das comarcas do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta. Só o norte da Galiza zafou destas altas temperaturas, que este sábado aínda se prevé que aumenten máis.

De feito, este sábado podería chegar ser o día máis caloroso do verán, segundo apunta o nivel de avisos. Todo o sur da Galiza estará en amarelo e varias comarcas estarán en nivel de alerta laranxa xa que poderían volver alcanzarse ou superarse os 40 graos. No interior da Coruña e o sur de Lugo tamén se activarán avisos por temperaturas que superarán os 35 graos.

O episodio de calor intensificarase coa entrada de aire cálido en superficie acompañado da aproximación de aire frío en altura, o que podería provocar a formación de tormentas no interior.

A Consellaría de Sanidade insiste en que nestes días máis que nunca é importante beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Ademais, deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou aquelas moi azucradas. Recoméndase comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas. Respecto da vestimenta, recoméndase o uso de roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

Domingo

O domingo será unha xornada de calor mais sen alcanzar os niveis do sábado e sexta feira. A influencia atlántica implicará un descenso das temperaturas en toda a Galiza. Porén, iso non quer dicir que non vaia facer calor. De feito, as previsións apuntan a que, por exemplo, en Ferrol poderase chegar nesa xornada a case 30 graos, temperatura que se superaría en Vigo nalgún momento da xornada.

As altas temperaturas teñen entre as súas consecuencias máis tráxicas os falecementos de persoas. Entre 1 e 8 de agosto perderon a vida na Galiza 32 persoas como consecuencia da calor, segundo o sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III, que recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade. Son xa a metade de todas as que morreron por causas atribuíbeis ás temperaturas durante o mes de xullo (61). E o duplo das que faleceron entre 1 e 8 de agosto do ano pasado (18 persoas falecidas)