A Valedora reprende a Xunta por negar a cobertura sanitaria a menores estranxeiros en situación irregular

Un dos migrantes que estiveron hospedados en Sanxenxo a finais de 2023. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
O Goberno alega que as persoas que se atopan en territorio galego durante un período menor a 90 días teñen a consideración administrativa de "estancia" e non de "residencia", co que non teñen dereito a tarxeta sanitaria.

A Valedora do Pobo advertiu esta cuarta feira á Consellaría de Sanidade que non debe negar a cobertura sanitaria ás persoas inmigrantes que se atopan en situación administrativa irregular por carecer de permiso de residencia.

Así o recolle unha resolución emitida tras unha denuncia realizada por Cáritas de Mondoñedo-Ferrol, que recorreu á institución que dirixe María Dolores Fernández Galiño ante a "sistemática negativa" de Sanidade de conceder a tarxeta sanitaria a menores estranxeiros en situación irregular.

A Xunta da Galiza, como trasladou a Valedora na argumentación recollida no expediente, interpreta que as persoas que se atopan en territorio galego durante un período menor a 90 días teñen a consideración administrativa de "estancia" e non de "residencia", co que non teñen dereito a tarxeta sanitaria

Protección sanitaria

Na súa resolución, o Alto Comisionado do Parlamento galego determina que aínda que a lei non estabelece un dereito de acceso gratuíto ao Sistema Nacional de Saúde para todo estranxeiro que se atope "temporalmente" na Galiza, no caso das persoas migrantes e, en especial, das menores, as Administracións deben velar porque todas conten con protección sanitaria gratuíta. 

Así, a Valedora do Pobo conclúe que a situación proposta por Cáritas "non compromete" o sistema sanitario nin supón que "se faga un mal uso" do mesmo, senón que se trata dunha "posíbel negación de asistencia sanitaria a persoas en situación vulnerábel, especialmente mulleres e crianzas". 

Nun comunicado, Cáritas valorou a resolución como "un gran paso para instar as Administracións e, neste caso a Xunta, a actuar como garante dos dereitos de todas as persoas".