Sanidade

A Valedora do Pobo estudará a externalización dos abortos voluntarios por parte do Sergas

Sede da Valedora do Pobo, en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
A institución admite a trámite a denuncia presentada por Comisións Obreiras, que considera "intolerábel" que a Xunta xustifique a medida "nunha suposta falta de recursos, tanto materiais como humanos" e ínstaa a "garantir que as mulleres poidan exercer este dereito nos hospitais públicos".

A Valedora do Pobo vén de confirmar ao sindicato Comisións Obreiras a admisión a trámite da súa denuncia sobre a externalización das interrupcións voluntarias do embarazo (IVE) por parte do Sergas. Para a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, é "intolerábel" que a Xunta "xustifique a medida nunha suposta falta de recursos, tanto materiais como humanos" e exíxelle cambios nas súas políticas para "garantir que as mulleres poidan exercer este dereito nos hospitais públicos".

Desde a oficina da Valedora outorgan á Consellaría de Sanidade 15 días para que remita un informe sobre as garantías ofrecidas pola Administración sanitaria "para facer efectiva a prestación da interrupción voluntaria do embarazo, atendendo ao disposto na lei, que recolle que a IVE realizarase en centros da rede sanitaria pública ou vinculados a ela".

O devandito informe debe entregarse "considerando" a sentenza do Tribunal Constitucional de xullo de 2023, pola que o aborto ten que practicarse "da forma menos gravosa para a muller, tratando de evitar desprazamentos e de garantir, na medida do posíbel, que a muller non saia da súa contorna habitual e poida contar cos apoios dos seus achegados".

Na súa denuncia, o sindicato destaca o "recoñecemento expreso" no prego no que se licita a externalización do servizo da "suposta imposibilidade de que os servizos sanitarios públicos do Sergas poidan prestar dita asistencia cos recursos humanos, materiais e de infraestrutura cos que conta na actualidade".

Esta afirmación, aseguran desde CCOO, é contraria ao estabelecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde da Galiza, que recolle o dereito das mulleres ao aborto "en todos os supostos contemplados pola normativa vixente de aplicación".

Parlamento

A pasada semana esta cuestión chegou ao Parlamento da Galiza, nunha sesión plenaria, a da cuarta feira día 13, na que oposición criticou con dureza que a Consellaría sacase a concurso a contratación do servizo de interrupción voluntaria dos embarazos de menos de 14 semanas e que non impliquen risco para a embarazada. Para o BNG e o PSdeG, é unha aposta "ideolóxica" da Xunta da Galiza pola privatización por conta dos dereitos das mulleres. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo ao respecto que estamos ante unha "falsa indignación da oposición" na Cámara galega.

Montse Prado (BNG) exixiu á Consellaría que "rectifique" e que garanta o dereito a interromper o embarazo na sanidade pública. "Non reviven ningún aborto, hai 14 hospitais públicos onde poden facerse", advertiu. Pola súa parte, Noa Díaz (PSdeG) botou man de estatísticas oficiais para denunciar que "7 de cada 10 abortos de 9 a 14 semanas derívanse á privada".