O Sergas concentra case unha de cada seis queixas ante a Valedora, que urxe "humanizar" a atención sanitaria

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, esta segunda feira, presentando o informe anual da institución. (Foto: Europa Press)
O Goberno galego centra o groso das queixas recibidas, sinala a valedora, Dolores Fernández Galiño.

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, entregou esta segunda feira no Parlamento galego o informe anual da institución referido a 2022. O relatorio certifica un significativo aumento na actividade do organismo e somete a cuestión as políticas públicas da Xunta da Galiza. 17,3% das queixas refírense a eivas no funcionamento do Servizo Galego de Saúde (Sergas). O informe da Valedora do Pobo evidencia o malestar da poboación galega co seu sistema sanitario. Neste sentido, a institución recibiu 2.833 queixas que se corresponden con 685 asuntos. As mesmas refírense a todos os niveis da asistencia sanitaria, sendo maioría aquelas que afectan a Atención Primaria.

A Valedora do Pobo chama “a humanizar a asistencia sanitaria” desde a perspectiva de que “non existe humanización sen calidade, como non é posíbel a calidade sen humanización”. A referida resolución parte das queixas dos usuarios do Sergas pola atención recibida nos diversos chanzos sanitarios. A institución considera que “tratar a persoa enferma e non soamente a enfermidade, nisto consiste en último termo a humanización da asistencia sanitaria, humanización que define o lexislador como un dos dereitos dos titulares do dereito á protección da saúde, dereito consagrado no artigo 43 do texto constitucional”.

A falta de persoal facultativo está detrás dun número importante de queixas. Neste caso, a ausencia de especialistas en Pediatría é motivo de numerosas demandas, denunciando a Valedora do Pobo que “na raíz do problema subxace un déficit de profesionais especializados no eido da Pediatría no sector público, polo que o conveniente sería valorar todo tipo de medidas que poidan supor un aumento do número de profesionais dispoñíbeis neste campo”.

As listas de agarda en Atención Primaria e Especializada volven ser un ano máis obxecto de múltiples reclamacións. Así, en relación co primeiro dos niveis, a Valedora do Pobo insta a Xunta da Galiza a cubrir as vacantes de facultativos, “independentemente da súa orixe”. No caso contrario, advirte “de comprometer o dereito ao acceso á asistencia sanitaria de doentes das prazas desertas como polo risco de quebrar a asistencia sanitaria dispensada polo resto dos facultativos, que poden ver sobrecargadas as súas axendas para compensar as vacantes e ausencias”.

Tempos de espera

O incumprimento dos tempos de espera máxima fixados pola Xunta da Galiza para unha cirurxía constátase no relatorio da Valedora do Pobo. A este respecto, “pódese facer mención aquí a unha resolución relativa a unha cirurxía traumatolóxica con prioridade 2 que levaba na lista de agarda 416 días”, cando o tope legal é de 90 días. Nesta dirección, reclama adoptar as medidas necesarias, tanto a nivel organizativo como a nivel de recursos humanos e materiais, que permitan garantir os prazos máximos estabelecidos para os diferentes niveis de priorización que os profesionais sanitarios asignan a cada intervención cirúrxica”.

O Goberno galego négase a ofertar unha solución a aqueles doentes incorporados ás listas de garda non estruturais. Neste sentido, a Xunta da Galiza rexeitou a proposta da Valedora do Pobo de “avanzar no camiño da procura de fórmulas, no marco da asistencia sanitaria que se lle dispensa aos doentes, que permita asignar un tempo máximo de espera para aqueles doentes que tras rexeitar a opción de intervirse nun centro concertado se atopen na lista de espera non estrutural”.

Os servizos públicos xestionados pola Administración galega acumulan a maioría das queixas da cidadanía. Neste caso, a carón da sanidade, aparecen reclamacións referidas ao funcionamento da educación ou das prestacións que conforman o sistema de benestar. Sexa nun destes bloques, for noutros, o número de suxestións tense incrementado de forma considerábel en relación cos pasados exercicios.

Duplícanse as queixas

A propia Fernández Galiño recoñeceu na comparecencia pública posterior á entrega do informe o importante incremento da actividade da institución da Valedora do Pobo, que pasou de xestionar  2.276 queixas en 2019 a 4.634 no exercicio de 2022.