Gráficos

Radiografía dos consumos nocivos en menores: do alcol e o tabaco aos vapeadores e bebidas estimulantes

De media, a poboación menor proba por primeira vez o alcol arredor dos 11 anos. (Foto: Miguel Suárez).
Tres de cada 10 estudantes de entre 12 e 13 anos recoñecen ter consumido alcol algunha vez na súa vida segundo un estudo piloto sobre o uso de alcol, tabaco e outras adiccións en estudantes de 1º e 2º da ESO, unha enquisa que se levou a cabo por primeira vez este 2023 no marco do informe Estudes do Plan Nacional sobre Drogas.

Esta experiencia piloto consultou na Galiza 437 rapazas e rapaces de 12 e 13 anos dun total de 43.724 estudantes matriculados nos dous primeiros cursos da ESO tanto en centros públicos como privados. O avance difundido a finais de 2023 polo Ministerio de Sanidade revela que 34,6% do alumnado consultado consumiu alcol polo menos unha vez na súa vida, 30,6% no último ano e 21,5% no último mes; un 37,7% consumiu bebidas enerxéticas no último mes, un 10,2%, mesturadas con alcol. Ademais, un 25% fumou cigarros electrónicos e 8% probou o tabaco convencional polo menos unha vez na súa vida (11,2% e 4,1% nos último mes respectivamente).

 

"Dos consumos que máis preocupan, alcol e tabaco, o que se advirte é un descenso. E isto non quere dicir que haxa que restarlle importancia ao consumo de bebidas enerxéticas e cigarros electrónicos", precisa a Nós Diario a médica psiquiatra Iria Veiga, quen escapa de titulares alarmistas para reclamar un contexto máis preciso para todas e cada unha das cifras que ofrece este novo informe sobre situación e tendencias do consumo de drogas e outras adiccións entre a poboación moza.

 

 

Consumo de alcol

Para Veiga máis importante que as cifras, son as circunstancias en que se producen os consumos: de forma puntual ou habitual. "Non é o mesmo que 11% vapee unha vez ao mes que que o faga todos os días. A repercusión sobre a saúde non é a mesma, como tampouco o é que consuma alcol de forma frecuente ou esporádica pero de máis dunha vez". A médica psiquiatra convida a interpretar as cifras sen descoidar o impacto dun "consumo precoz" mais tamén sen esaxerar a pegada dun consumo illado.

 

A idade de inicio no consumo de alcol nos estudantes de 12 e 13 anos é algo máis precoz entre os mozos, 11 anos, que entre as mozas, 11,4 anos, de media. Para a rapazada de 14 a 18 anos, a idade media de inicio de consumo de alcol sitúase nos 13,9 anos. Ademais, o 7,2% dos estudantes de 12 a 13 anos afirma ter sufrido algunha vez unha intoxicación etílica ou bebedeira por alcol. Porén, no grupo de idade de 14 a 18 anos a prevalencia de intoxicacións etílicas agudas aumenta: 47,5% recoñece ter pasado por un episodio destas características.

 

"A min 'algunha vez na vida' non me di nada a efectos de repercusión sobre a saúde, pero si me parece relevante que un 7,2% declare terse emborrachado; pero sería moito máis interesante poder correlacionar esas cifras co nivel socioeconómico e sociocultural da rapazada con ese acceso concreto ao alcol".

 

 

O informe non aclara que pasa para que unha crianza de 12 ou 13 anos se emborrache, "mais deixa entrever, como mínimo, unha falta de supervisión por parte da poboación adulta que habería que explicar", para non banalizar unha conduta que en determinadas situacións pode supor un risco real nun contexto xeral de "mellores hábitos de saúde da xente máis nova", di Iria Veiga.

Bebidas estimulantes

Para a experta en nutrición Rosaura Leis, as cifras deste estudo reflicten "unha serie de hábitos tóxicos" que non se poden desatender. "Un inicio tan pronto neste tipo de hábitos supoñen importantes riscos e repercusións negativas para a saúde de crianzas, adolescentes e futuros adultos, sobre todo para a súa programación metabólica".

Leis pon o foco nas "mal chamadas" bebidas enerxéticas. "Son bebidas estimulantes que se caracterizan polo elevado contido de substancias como a cafeína", que pasan desapercibidas para a cativada e para as súas familias. "Interpretan que son bebidas ricas en azucre, pero entrañan outros riscos para a saúde. Son aditivas, lastran a conciliación do sono, chaman á irritabilidade, alteran o rendemento escolar, as condicións cardíacas e metabólicas", afirma Leis, quen apunta un consumo elevado "desde idades temperás". "É importante informar, educar e lexislar, para frear hábitos tóxicos e mesmo consumos esporádicos de substancias que os menores non deberan probar".