Varios centos de bombeiros mobilízanse en Lugo para exixir un convenio digno mentres Tomé deslixitima as súas demandas

Bombeiros e policías durante a mobilización desta terza feira en Lugo (foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os case 300 profesionais do sector que tomaron parte na protesta escenificaron un cortexo fúnebre simbolizando a morte do consorcio de bombeiros, portando un cadaleito e varias coroas de flores nunha marcha encabezada por cinco gaiteiros que concluíu fronte ao edificio da Deputación, onde simularon unha homilía.

Varios centenares de bombeiros de parques comarcais de toda a Galiza concentráronse esta terza feira en Lugo para exixir ás Administracións a mellora das súas condicións laborais, solicitar un "incremento do persoal" e denunciar o peche de "case 400 parques" acontecido, aseguran, desde o inicio da folga o 15 de xuño.

A mobilización, que se desenvolveu de maneira pacífica pero baixo un forte dispositivo policial que incluíu o feche ao público de cálea San Marcos -sede da Deputación- e do acceso rodado á Praza de Santo Domingo desde a Rolda da Muralla, arrincou ás 12 e prolongouse durante case dúas horas.

Os case 300 profesionais do sector que tomaron parte na protesta escenificaron un cortexo fúnebre simbolizando a morte do consorcio de bombeiros, portando un cadaleito e varias coroas de flores nunha marcha encabezada por cinco gaiteiros que concluíu fronte ao edificio da Deputación, onde simularon unha homilía.

Oito días despois da concentración decorrida en Ourense polos bombeiros comarcais, o 23 de outubro, que se saldou con enfrontamentos entre os participantes e os antidisturbios, os axentes da orde levaron a cabo un exhaustivo proceso de identificación de todos os manifestantes. A mobilización transcorreu sen incidentes.

"Tiñamos un acordo coas Administracións para estabelecer un protocolo de negociación que implicaba unha serie de valoracións polas partes. Despois de máis de 100 días, ao non ter feita eles esa valoración, o que optaron foi por paralizar a apertura da negociación", denunciou, sobre o estado das negociacións, José Luis Pareja, membro do comité de folga.

Os bombeiros comarcais reclamaron durante a protesta unha mellora das súas condicións salariais, un incremento de "cinco efectivos por quenda" na dotación mínima de persoal para garantir, dixeron, "a seguridade cidadá" e a súa propia, e o pago das horas extraordinarias e os pluses pendentes.

"No momento en que nós deixamos de facer horas extraordinarias con carácter voluntario, o servizo empeza a fraquear e a caer e prodúcense xa case 400 feches de parques de bombeiros desde que iniciamos a folga o día 15 de xuño", sinalaron os representantes do comité de folga. "O que nós pedimos é que fagan ben as cousas e valoren o posto de bombeiro. O único que queremos é que a nosa profesión sexa digna", profundaron.

O opinión de Tomé

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, mostrouse crítico esta terza feira coas demandas dos bombeiros comarcais. "Nós o que non podemos aceptar é que pretendan unha subida salarial de 50% en números redondos. Iso non é admisíbel", declarou, para acto seguido precisar que acceder á devandita pretensión implicaría "duplicar o gasto actual".

"Outra gran mentira é que se fechen os parques porque exiximos facer horas extraordinarias", proseguiu o presidente da Deputación, que a esa hora celebraba o seu pleno na sede do ente. "Iso é mentira, o que non van é traballar. Dáse a circunstancia de que se poñen enfermos cando van traballar todos os días unha boa porcentaxe deles. Se non temos o suficiente número de persoas en cada parque, que son tres, pois temos que fechalo", declarou.

José Tomé fechou a súa intervención relativa á concentración dos bombeiros dos parques comarcais asegurando que "con tantas liñas vermellas" como establecen os profesionais, "o acordo é moi complicado".