A veciñanza de Castrelo de Miño rexeita o proxecto de central hidráulica

Asemblea veciñal no albergue de Castrelo de Miño. (Foto: Nös Diario)

As protestas contra o proxecto de central de bombeo de Castrelo de Miño continúan. Hoxe unha asemblea veciñal volveu a solicitar a retirada de proposta. Os residentes no concello do Ribeiro amezan con mobilizarse.

O albergue de Castrelo ficou hoxe pequeno para acoller unha asemblea informativa sobre o impacto da central hidráulica de bombeo. De feito, unha parte doas asistentes seguiron a reunión desde fóra.

O acto contou coa participación da deputada do BNG, Noa Presas, da voceira do BNG en Castrelo de Miño, Marián Nieves , do xeólogo e técnico de ADEGA, Fins Eirexas e do enxeñeiro industrial e veciño da localidade, Estevo Suárez.

Presas denunciou  “a negativa  das institucións á hora de informar á veciñanza arredor de cuestións que lle afectan  directamente”. Neste sentido, comprometeu a “posición do BNG a favor da veciñanza, forzando o rexeitamento de todas as institucións en contra do proxecto para evitar que avance cara a vindeira fase do proxecto e morra xa na fase potestativa”

Noa Presas

A deputada nacionalista sinalou que “o Goberno do Estado e da Xunta están traballando para o lobby eléctrico e dándolle as costas ao pobo”. Nesta orientación, asegurou que “encontros coma os de hoxe con información técnica como o que estáfacendo o BNG e organizacións ecoloxistas como ADEGA, debían organizalos as insitucións”

Presas remarcou que o BNG xa presentou mocións para rexeitar o proxecto nos concellos afectados e que “presentará iniciativas co mesmo fin na Deputación de Ourense, no Parlamento da Galiza e no Congreso dos Deputados”.

A voceira do BNG en Castrelo e Miño, Marián Nieves, apostou por levar as institucións a oposición veciñal, destacando que “ningún veciño do concello está a favor do proxecto por iso é momento de rexeitalo”.

O xeólogo e técnico de ADEGA, Fins Eirexas, puxo de manifesto “os impactos de tunelación e movementos de terras que implica o proxecto para a comarca,” así como diversas eivas do proxecto.

Fins Eirexas

Eirexas significou que o proxecto da central implica “a ampliación da concesión do encoro de Castrelo”. Asemade denunciou, que non proxecto non se sinala “cal vai ser o réxime de funcionamento desta balsa ou que se vai facer co entullo resultado das obras que proven das tunelacións”.

O enxeñeiro industrial, Estevo Suárez, puxo en cuestión “a utilidade desta central hidráulica para cumprir os obxectivos de enerxía verde deste proxecto ao empregar máis enerxía para enviar auga á megabalsa que se construirá no coto Novelle que a que  xerará”.

As intervencións da veciñanza presente no acto foron de total rexeitamento ao proxecto de central hidráulica. Neste punto, algunhas das persoas  presentes lembraron as protestas veciñais contra o actual encoro durante  ditadura así como a represión do réxime contra as mobilizacións.