A veciñanza de Cerceda rexeita a central hidráulica de Tasga no lago das Encrobas

O lago das Encrobas, en Cerceda, onde Tasga proxecta a súa central hidroeléctrica. (Foto: Nós Diario).

A central hidroeléctrica de bombeo proxectada pola empresa Coventina Renovables no lago das Encrobas (Cerceda) está a provocar preocupación entre a veciñanza afectada. Tecido social desta localidade da comarca de Ordes alerta do forte impacto do plan e advirte de que pode comprometer o subministro de auga potábel á cidade da Coruña e á súa área metropolitana.

Coventina Renovables vén de presentar diante de Augas da Galiza, organismo público dependente da Xunta da Galiza, unha solicitude para o aproveitamento hidroeléctrico do lago das Encrobas (Cerceda), tras lograr hai un ano autorización do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) para erguer unha central de bombeo de xeración eléctrica, cunha potencia instalada de 350 megawatts (MW).

O proxecto é un dos sete desta natureza actualmente en tramitación no país, cuxa posta en marcha representaría aumentar a capacidade de xeración hidroeléctrica da Galiza en 3.095 MW, un 82,7% máis da actualmente en funcionamento.

Tasga

A empresa promotora da central hidráulica das Encrobas fai farte do grupo Tasga, compañía enerxética que ten como primeiro accionista José Luis Suárez, presidente e fundador da construtora Copasa. Tasga, con sede social en Compostela, conta cunha carteira hidroeléctrica de máis de 40 MW e traballa por erguer outra central de bombeo de 339 MW sobre o río Tambre, na parroquia de Cornada, en Brión (comarca de Compostela), que enfronta, tamén, unha importante oposición veciñal.

As alegacións presentadas á central de bombeo de Coventina Renovables dan conta do rexeitamento social ao proxecto. Asinadas por ducias de particulares e por entidades como a Asociación de Veciños Encrobas Viva, a Asociación de Veciños de Meirama ou a Asociación de Veciños polo Rural Vivo, demandan o “rexeitamento da solicitude de autorización administrativa para a modificación das características da concesión de augas superficiais no lago de Meirama, con destino á produción de enerxía eléctrica, no concello de Cerceda”.

Os colectivos opostos á central de bombeo denuncian "os impactos negativos na calidade de vida dos veciños por ser unha área de concentración de proxectos" e a "eliminación do rego Biduído e o seu val fluvial, coa entulleira e o vaso superior da infraestrutura hidráulica, coa conseguinte afección ás demais canles e fontes que tributan no mesmo e no lago das Encrobas, así como aos recursos hídricos da bacía do río Barcés", en Cerceda. Neste sentido, entenden que “o proxecto implica uns impactos ambientais e sociais non asumíbeis”.

O plan de Coventina Renovables comprometería o futuro da fauna e da flora da zona, segundo se sinala nas alegacións presentadas, pois "afecta ao lago das Encrobas ou Meirama e á súa biodiversidade, e compromete a ZEC, ZEPVN Encoro de Abegondo-Cecebre a través do corredor ecolóxico río Barcés, a súa cunca hidrográfica, e afecta tamén á Reserva da Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo.Na mesma dirección, alertan da afección do proxecto “á especie en perigo de extinción Escribenta das canaveiras”, unha ave da que só fican arredor de 128 parellas na Galiza.

Subministro de auga potábel da Coruña

A incidencia da central de bombeo vai máis alá das comarcas de Ordes e das Mariñas. A este respecto, os colectivos alegantes avanzan os “impactos no uso de abastecemento de auga potábel da área metropolitana da Coruña”, xa que os municipios sérvense do encoro de Cecebre, emprazado entre os concellos de Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral e Oza-Cesuras, e que recibe a súa auga dos ríos Mero e Barcés e do lago das Encrobas.

As entidades opositoras á central de bombeo das Encrobas sinalan que “Augas da Galiza non dispón arestora, ou polo menos non o fixo público, dun estudo serio e rigoroso da caracterización da masa de auga do lago das Encrobas ou Meirama nin dispón de datos científicos que garantan a suficiencia dos recursos hídricos deste para o abastecemento da área metropolitana da Coruña nos vindeiros anos e o mantemento das actuais condicións ambientais deste espazo”.