Veciñanza da Galiza volve exixir nas rúas a fin da "impunidade" de Israel

Mobilización en apoio a Palestina, esta terza feira, en Cangas (O Morrazo). [Foto: Nós Diario]
Nova vaga de mobilizacións en 32 localidades galegas para apoiar Palestina.

A vaga de solidariedade con Palestina non cesa na Galiza. Centos de persoas volveron mobilizarse esta segunda feira nas sete cidades e outras 25 localidades do país respondendo, máis unha vez, á chamada dos colectivos Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asociación Galaico-Árabe Jenín e BDS, que seguen a demandar, sete meses despois do inicio da cruenta —e sen precedentes— ofensiva israelí na Faixa de Gaza, o fin da "impunidade do estado sionista".

"Galiza segue a erguer a voz contra o xenocidio e a brutal ocupación da Palestina", celebraron, ao tempo que denunciaron que, entre tanto, o Estado de Israel "segue armado e protexido polos gobernos occidentais imperialistas".

Nas concentracións puidéronse escoitar, como é habitual, berros demandando o fin do xenocidio e unha resposta contundente da comunidade internacional. A reiteración das convocatorias, normalmente cada semana ou cada dúas, non fai minguar os apoios; ao contrario, desde a organización amósanse satisfeitas coa resposta dun pobo que non cesa no seu intento de defender a soberanía de Palestina e as súas xentes.

Esta nova vaga de protestas chega logo de que estes mesmos colectivos organizasen, a pasada cuarta feira, unha conmemoración crítica do 76º aniversario da Nakba, o grande éxodo forzoso do pobo palestino en 1948, que en Compostela recreou o masacre coa simulación de varios cadáveres tendidos sobre o chan.

A resposta chega agora tamén desde as aulas, pois ducias de estudantes fecháronse a modo de protesta na Facultade de Xeografía e Historia da USC co obxectivo de lograr tamén unha resposta á agresión israelí desde o plano académico, comezando por suspender toda colaboración con centros de Israel. E esta mesma segunda feira as alumnas e alumnos mobilizados recibiron o apoio do Consello do Estudantado da Universidade, que trasladou o seu apoio á Asemblea Aberta e chamou a participar nela.