Sanidade pública

Veciñanza do Barbanza exixe melloras en Atención Primaria

Veciñanza de Palmeira, en Ribeira, concentrada esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)
Preocupa o incremento da presión asistencial durante o verán.

Veciñas e veciños do Barbanza volveron concentrase esta sexta feira, 21 de xuño, ante os centros de saúde de Rianxo, Boiro e Ribeira (O Barbanza), e diante do consultorio da parroquia ribeirense de Palmeira para exixir melloras no servizo de Atención Primaria. 

As protestas veciñais, que se suman ás iniciadas por persoal sanitario destes centros o pasado 10 de maio, denuncian unha "falta endémica" de facultativos médicos. Exixen, ademais, que "se cubran todas as prazas de persoal sanitario e non sanitario para evitar listas de espera", que en moitos casos superan os 15 días. 

"Está normalizado que haxa cotas sen cubrir, algunha repartida entre o resto, coa sensación de que xa está asumido pola xerencia que nunca se vai cubrir esa cota", explica a Nós Diario persoal do ambulatorio de Boiro. 

E é que en Ribeira, das dez doutoras e doutores que deberían estar na queda de mañá, "cinco non están". En Rianxo, a situación é semellante: faltan catro facultativos de oito, mentres que en Boiro só hai oito médicas das 12 prazas asignadas ao centro. 

"Hoxe [por esta sexta feira] en Boiro seguen a faltar 4 médicas de familia de 12, e unha pediatra de tres. Unha residente de familia de último ano incorpórase ao plan do Sergas de traballar de adxunta durante o verán, mais seguimos menos de tres e vacacións á parte", denuncia a Nós Diario veciñanza desta localidade do Barbanza afectada polos recortes sanitarios.

Con vistas ao verán

Sendo esta comarca "unha zona de veraneo importante", a previsión do persoal é que a presión asistencial aumente na temporada estival, agravando unha situación que xa é complexa o resto do ano.

De feito, o servizo de Urxencias do Hospital do Barbanza rexistrou xa neste mes de xuño picos asistenciais equivalentes aos que acontecen nos meses de verán.