A veciñanza de Moaña non se rende na súa loita pola recuperación das urxencias sanitarias

Xosé Daniel Costas intervindo ao remate da concentración en defensa da sanidade pública. (Foto: Nós Diario).

A veciñanza de Moaña (O Morrazo) non se rende na súa loita pola recuperación das urxencias sanitarias na localidade, suprimidas en 2020 "coa coartada" da pandemia. 142 semanas despois do comezo das mobilizacións a poboación volveu saír este domingo 11 de agosto á rúa.

Moaña leva 142 semanas consecutivas de mobilización para recuperar as urxencias sanitarias. Hoxe os veciños e veciñas desta vila do Morrazo volveron a saír á rúa para reivindicar unha asistencia sanitaria de calidade.

A protesta, convocada como as 142 anteriores pola Mesa da Sanidade de Moaña, unha coordinadora social conformada pola Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Moaña, entidades veciñais, grupos políticos da Corporación e presidida pola alcaldesa, Leticia Santos (BNG) demostrou, máis unha vez, a perseveranza na loita da poboación desta localidade.

O alcalde en funcións de Moaña, Xosé Daniel Costas sinalou a Nós Diario ao remate da mobilización deste domingo que “o noso obxectivo é recuperar as urxencias médicas para Moaña e lograr que se cubran as vacantes médicas”

Xosé Daniel Costas incidiu nos recortes sanitarios derivados da tempada estival na Casa do Mar de Mar de Moaña e denunciou que “no PAC de Cangas non se dan citas de psiquiatría ao atoparse de baixa unha profesional”.

Costas agradeceu na súa intervención ao remate da concentración “a constancia da veciñanza de Moaña” por manter viva a mobilización e cualificouna de “exemplo para toda a Galiza”

Máis mobilizacións

As mobilizacións continuarán en Moaña durante as próximas semanas. A este respecto, traballan nunha grande protesta a convocar o vindeiro 19 de setembro diante da Consellaría de Sanidade.

Xosé Daniel Costas indicou que “ desde a Mesa Local da Sanidade acordamos colgar faixas en diversos puntos da localidade coas reivindicacións veciñais e imos facelo o próximo domingo 18”.

A concentración de 19 de setembro busca reclamar a Xunta da Galiza, a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña e a cobertura de prazas vacantes de médicos.