Veciñanza de Monterroso mostra a súa solidariedade coas persoas refuxiadas ante as críticas do alcalde

Migrantes procedentes de Mali á súa chegada ao Monte do Gozo, en Compostela, o pasado mes de xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

120 migrantes chegaron a pasada quinta feira á localidade de Monterroso entre mostras de apoio das veciñas e dos veciños e con críticas da Alcaldía, que considera a chegada das refuxiadas “unha barbaridade”.

Un cento de migrantes chegaron a pasada quinta feira a Monterroso (A Ulloa). Alí permanecerán, hospedados nun hotel do centro da vila, durante un período de dous a catro meses, até que se tramite a súa documentación, sobre todo o permiso de traballo. Estarán acompañados dun equipo dunhas 20 persoas, integrado por traballadoras sociais, unha avogada, docentes de español e unha psicóloga que os axudarán a conseguir estabilidade.

Son 120 homes que foxen de guerras en Estados do sur do Sáhara, principalmente Malí, Níxer e Mauritania. A súa chegada a Monterroso, no marco do programa estatal de acollida a persoas refuxiadas, estivo precedida de non pouca polémica, ao confrontar desta vez non só Xunta da Galiza e Goberno estatal, senón tamén o Executivo local.

O alcalde da localidade, Eloy Pérez, mostrouse crítico co traslado dos migrantes a Monterroso e censurou a “falta de información” facilitada polo Goberno español ao respecto. Para Pérez, que afirmou coñecer a noticia do traslado pola prensa e, posteriormente, a través da organización que atende os migrantes, a ONG Rescate Internacional, “é unha barbaridade” que a vila que preside teña que acoller 120 migrantes que representan “o 10% da poboación do núcleo urbano”.

Monterroso ten, segundo o censo de 2023, 3.593 habitantes, dos cales perto de 1.000 viven no núcleo principal do concello. Uns datos que o rexedor utilizou para cualificar o número de emigrantes que chegaron á vila como “desproporción total”.

En contraposición, no concello de Mondariz-Balneario (O Condado), o municipio máis pequeno da Galiza —con 703 habitantes nunha superficie de 2,3 quilómetros cadrados—, a chegada de 180 mozos refuxiados procedentes de Malí vívese “con normalidade absoluta”. “Búscase unha polémica que non existe”, afirmou o alcalde, César Gil, en declaracións a Nós Diario. “Todos os Concellos deberíamos estar do lado de quen máis o necesita, e sobre todo nestes momentos tan complexos para estas persoas”, valorou Gil.

Colaboración veciñal

Eloy Pérez, alcalde de Monterroso, afirmou que a chegada de 120 migrantes xerou “alarma social” entre a veciñanza, mais nas rúas desta vila a sensación é outra. Precisamente, un grupo dunhas 30 veciñas e veciñas recibiron os migrantes á súa chegada ao hotel Río Ulla para mostrarlles o seu apoio e a súa solidariedade. Un recibimento ao que non asistiu, segundo puido saber Nós Diario, representación do Goberno local, mais si de grupos da oposición como o PSdeG ou Independentes por Monterroso, e asociacións da localidade como a Sociedade Deportiva Monterroso e o Agrocuir, que se puxeron a disposición da ONG Rescate para o que puidesen precisar.

"O único que conseguiu o alcalde con esta confrontación foi dividir a veciñanza", explica a Nós Diario Rafael García, portavoz da formación socialista de Monterroso. "A ninguén se lle escapa que a chegada destes migrantes forma parte dun programa internacional de acollida de persoas que foxen de situacións moi complexas e a contenda política debería ficar á marxe", engade García, que lamenta a ausencia de representantes do Concello no recibimento ás persoas refuxiadas.

Ademais, a Sociedade Deportiva Monterroso, club de fútbol da localidade, amosou o seu “apoio e disposición a colaborar na situación que se está a dar coa chegada das persoas refuxiadas”.

Nun comunicado emitido na sexta feira, a S.D. Monterroso ponse a disposición do Concello e da ONG Rescate Internacional “para axudar en todo o que sexa preciso”. A entidade deportiva concreta ademais as “primeiras iniciativas” que levarán a cabo en colaboración coa organización humanitaria para a “inclusión do colectivo na nosa vila”. Entre elas, sinalan a doazón de material e roupa, o acceso a todos os partidos de modo gratuíto, a cesión das instalacións deportivas para o que precisen e a súa colaboración en diferentes actividades de ocio.

 

Desde a S.D. Monterroso fan un chamamento a toda a veciñanza e ás demais asociacións da comarca da Ulloa a “pór o seu gran de area para colaborar no que sexa necesario”. “Ninguén foxe do seu fogar por elección, senón por un motivo de supervivencia e mellorar as condicións de vida”, sentencia o comunicado.

Unha crise migratoria “que non existe”

O Foro Galego da Inmigración denunciou a pasada terza feira a “continuada utilización política” das persoas migrantes que, “lamentabelmente”, está a producirse este verán na Galiza. Referíanse así ás continuas disputas entre os Gobernos autonómicos e o estatal a respecto do programa de acollida de persoas refuxiadas.

O Foro subliñou que “non existe emerxencia migratoria”, xa que o número de persoas migrantes que chegan ás costas “é moi reducido”, comparado co número de persoas estranxeiras que se estabelecen anualmente no Estado español.

Entre xuño e agosto chegaron ás costas do Estado español 12.035 migrantes, o que representa 1.170 persoas menos que no mesmo período de 2023, cando chegaron 13.205.