Veciñanza de Ortegal mobilízase contra a instalación de 168 muíños

Veciñanza concentrada na alameda de Ortigueira (Ortegal). (Foto: Ortegal di Non)
Os eólicos do parque do Barqueiro ocuparían 60% do Concello de Ortigueira.

A plataforma 'Ortegal di Non' convocou esta quinta feira unha concentración en Ortigueira para demandar que non se "asedie" este territorio cos proxectos para colocar "macro eólicos". Así, a veciñanza amosou o seu rexeitamento á resolución de 23 de xaneiro do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), pola que se consideran "de excepcionalidade" unha serie de parques eólicos na comarca. 

Desta maneira, son cinco os parques eólicos cuxa tramitación depende agora do Miteco na comarca de Ortegal: O Barqueiro (con 30 aeroxeradores e 137 torres de alta tensión), Balocas (64 liñas de alta tensión), Galwind (68 muíños), San Cibrao e San Brandán (con 35 aeroxeradores cada un), sendo os tres últimos parques eólicos mariños

"Farían un total de 168 aeroxeradores de 200 metros, aos que hai que sumar os 114 cos que conta a día de hoxe Ortigueira", afirma en declaracións a Nós Diario Luca, integrante da plataforma 'Ortegal di Non'. "En caso de materializarse, 60% do territorio do Concello de Ortigueira quedaría baixo a poligonal do parque do Barqueiro", engade Luca. 

Desde a plataforma advirten tamén de que "tal cantidade" de aeroxeradores, "coas liñas de alta tensión, as subestacións, os accesos, a ampliación de pistas para o transporte das pas... cambiarían a nosa contorna dunha maneira irremediábel". 

Éxodo rural

'Ortegal di Non' alerta do impacto nos sectores agrogandeiro, forestal ou turístico. "A comarca vive destes sectores pero de levarse a cabo as iniciativas previstas, a eólica acabará con eles", alerta Luca. Ademais, a zona de Estaca de Bares, no concello de Mañón, está considerada un paso de referencia das aves en Europa, co que os parques "impactarán directamente en avifauna" protexida

O "asedio" de proxectos eólicos na comarca de Ortegal contribuirá a "un éxodo da poboación rural", vaticina Luca, incidindo en que o modelo proposto polo Miteco "non é ecolóxico".