Medio Ambiente

Altri carece de terreos para construír a celulosa que proxecta en Palas de Rei e admite que non negociou a compra de terras

Protesta veciñal contra o proxecto de Altri nun encontro con representantes da compañía en Palas de Rei, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
Persoal de Altri comezou esta cuarta feira en Palas de Rei (A Ulloa) unha xeira de reunións coa veciñanza para explicar o proxecto dunha celulosa. "Non se mercou o noso predio. Está todo no ar. Falan de algo que queren facer sen falar cos propietarios das terras", retrucoulles veciñanza propietaria das terras onde Altri proxecta a pasteira. VÍDEO NO INTERIOR.

Os técnicos que a empresa portuguesa Altri enviou á Galiza para frear a resposta social crecente arredor do seu proxecto dunha macrocelulosa en Palas de Rei (A Ulloa) atoparon esta cuarta feira no quilómetro cero das súas pretensións coa oposición de veciños e veciñas da zona, que escoitaron os detalles do que Altri quere facer no seu concello. Malia as preguntas da veciñanza, os técnicos non deron explicacións dos datos que figuran no Diario Oficial da Galiza (DOG) sobre a produción de 400.000 toneladas de celulosa nun ano e insistiron en que a auga que pretenden verter ao río Ulla (30 millóns de litros ao día a 2 km do encoro de Portodemouros) "serán depurados completamente e devoltos ao río en mellores condicións".

Os técnicos, capitaneados polo director do proxecto, Bruno Dapena, recoñeceron no encontro que a empresa "falou con todos os propietarios dos terreos afectados na zona da fábrica", mais, engadiron, nin ofreceu nada polos terreos nin o vai facer até que a Xunta da Galiza aprobe a declaración de impacto ambiental e o Goberno do Estado consiga os 250 millóns de fondos europeos, que Altri esixe para levar adiante este proxecto.

Afirmacións por parte dos técnicos como "imos solventar problemas paisaxísticos, acústicos e de contaminación cun cinto verde arredor da fábrica", ou mesmo que "a madeira queimarase nunha caldeira altamente eficiente, é como queimala nunha lareira", ou "usaremos eucaliptos que xa están plantados, 1,2 millóns de metros cúbicos ao ano, hoxe saen de Galiza 2,4 millóns de metros cúbicos para comercializar fóra", remataron por acender os ánimos da veciñanza. O público dirixiuse ao alcalde de Palas, Pablo Taboada (PP), presente na primeira fila da Casa da Cultura, dicíndolle: "Están mentindo a todos os teus veciños, Pablo, non lles deixes que mintan".

Bruno Dapena insistiu en que o proxecto é para "unha planta de fibras sostíbeis" en Palas de Rei, nunha zona poligonal de 360 hectáreas que "usará de materia prima madeira certificada de proximidade dos bosques galegos", o que provocou xa as primeiras protestas no público.

En canto ao polémico uso da auga que a empresa quere captar do encoro de Portodemouros (46 millóns de litros ao día), Altri insistiu esta cuarta feira en Palas en que será depurada e devolta ao Ulla 2 km arriba "en mellores condicións". Mesmo aseguraron que Altri "é pioneira nestes procesos en Portugal", aínda que non puideron responder ás preguntas arredor dos problemas que a empresa ten no país veciño pola contaminación no río Texo por parte das súas tres plantas.

A chantaxe dos empregos e fondos públicos

O impacto socioeconómico de Altri en Palas quedou, segundo explicou a responsábel de Recursos Humanos da empresa, nun "estamos contemplando 500 empregos directos e dous mil e pico indirectos". Dixo que serán de "perfís variados e procuraremos que sexa persoal con estudos e homologados, de Palas, de Lugo e de toda a Galiza”. Ademais de falar de vixilancia, talleres, seguridade e hostalaría, Altri presumiu en Palas de ser unha empresa "cunha elevada responsabilidade social corporativa e achegamento aos veciños onde nos atopamos". Pequenos empresarios da zona, presentes no acto, interviron para responder á empresa que "aquí hai fábricas e empregadores que damos traballo a máis de 500 persoas, e temos moita dificultade para atopar xente para traballar".

A oposición veciñal coa que toparon en Palas os técnicos de Altri levounos case ao final do encontro a recoñecer que o proxecto non está aínda decidido. Dapena acabou dicindo que a instalación de Altri en Palas "depende de varias patas, unha fundamental é a declaración de impacto ambiental positiva por parte da Xunta e a outra fechar o tema financeiro". De feito, a presión a respecto dos fondos europeos que Altri leva meses facendo fíxoa tamén Dapena afirmando que "estamos tramitando axudas públicas, se non veñen o proxecto non se vai a lanzar".

Protesta da veciñanza contra a factoría de Altri. (Foto: M. M.)

Terreos sen negociar

A sorpresa neste agardado encontro chegou desde o público, entre o cal tomou a palabra o fillo do histórico sindicalista agrario Leandro Quintas, propietario da finca na que Altri deseñou o proxecto da súa macrocelulosa en Palas. "Non se mercou o noso predio, está todo no ar, falan de algo que van facer e nin sequera falaron cos veciños e propietarios", dixo. Leandro Quintas (fillo) explicou que leva dous anos falando con Dapena da cuestión por correo electrónico, "dous anos esperando respostas e é a primeira vez que recibo información directa, só recibín largas por email".

Dapena tentou saír ao paso asegurando que "falamos con todos os propietarios das fincas da zona da fábrica e se o proxecto se lanza, tentaremos un acordo xusto con cada un". O certo é que o que Dapena non lle contou hoxe aos propietarios afectados é que se a Xunta aproba a Declaración de Utilidade Pública que está exposta no DOG desde o pasado 4 de marzo, a Administración poderá expropiar e a empresa entrar nas terras. Sabendo que o predio non está comprado, os veciños e as veciñas da Ulloa ao rematar o acto lanzaron ao propietario unha proposta: "Comprámoslle nós a terra e facémoslle alí unha homenaxe ao seu pai".

8,7 toneladas diarias de xofre

Os problemas de saúde que a contaminación de Altri podería provocar na Galiza foi unha das preocupación que a veciñanza trasladou, tanto aos técnicos da empresa como ao alcalde de Palas. Segundo os datos do proxecto, a macrocelulosa vai emitir pola cheminea de 75 metros de alto 8,7 toneladas diarias de xofre, tamén óxido de sulfuro, 6.200 quilos de óxidos nitrosos e outro material particulado. Ademais de 60.000 litros diarios de sulfatos vertidos ao río Ulla.

Nin o alcalde nin a empresa deron máis tranquilidade ao respecto que o feito de que a empresa "vaise adecuar á normativa de emisións". O argumento foi respondido na reunión por María Garrido, médica de familia en Palas de Rei, que alertou dos problemas epidemiolóxicos que este tipo de contaminación provoca na poboación.

Intervención de María Garrido, médica de familia, no acto. (Foto: M. M.)