Veciñanza paraliza os traballos preliminares do túnel de Vigo por carecer de permiso

A veciñanza da rúa Elduayen de Vigo chamou a Policía Local ante os traballos nas súas fachadas.
A Policía Municipal de Vigo paralizou onte á mañá os traballos que se estaban a desenvolver en varias fachadas da rúa Elduayen, dentro das actuacións previas para o soterramento do tránsito rodado mediante un túnel entre esta vía e  a de Policarpo Sanz incluído no ambicioso proxecto de peonalización da Porta do Sol. 

A actuación policial foi resultado da chamada de varias persoas propietarias de pisos nesta rúa, ante os traballos que a empresa encargada estaba a realizar nas fachadas de varios dos seus edificios para instalar sensores, e sen contar co seu permiso. "Estaban a taladrar nos edificios desde unhas plataformas elevadoras sen autorización e sen ter tampouco permiso das veciñas", censura Rute Pallares, residente nesta rúa, quen salienta que os inmóbeis "atópanse dentro da zona Pepri (o plan especial da Cidade Vella), nun ámbito con consideración BIC (Ben de Interese Cultural), e que están protexidos por Patrimonio". 

Como advirte Santiago Vidal, propietario dunha das vivendas da rúa Elduayen e membro da asociación pola defensa do Vigo Histórico, o seguinte paso será trasladar o Atestado policial levantado onte ao xulgado. "E se volven intentar tocar as nosas fachadas, volveremos avisar á Policía", avanza. 

Pola súa banda, o Concello asegurou onte que "en ningún caso se realizou perforación algunha en fachadas" e que se limitou a colocar sistemas de vixilancia e seguridade "que xa figuran como requisito no propio proxecto para o control das edificacións" aproveitando perforacións xa existentes.

"A gran praza da cidade de Vigo"

A chamada á Policía paralizou as actuacións nos edificios de Elduayen, aínda que non as da calzada e das beirarrúas, que continúan, dentro da planificación das obras que inclúe o proxecto,"seguramente, a obra civil simbolicamente máis importante que se fixo nunca en Vigo", segundo a cualificaba esta terza feira o alcalde, Abel Caballero, durante o acto para a colocación da primeira pedra. 

Se o Concello salienta que o soterramento do tráfico e a humanización do centro histórico resolverá unha "lagoa histórica" da cidade ao dotala da "gran praza" cidadá da que carece actualmente, para Vigo Histórico as obras, nin se están a facer seguindo os procedementos, nin están ben planificadas nin xustificadas. "Non somos do 'non polo non' ás obras, pero queremos que sexan coherentes e, neste caso, entendemos que o túnel non é necesario", estima Vidal, quen prioriza un plan para retirar o tránsito en superficie de forma paulatina e coordinada, sen necesidade dunha obra de tal impacto.

A asociación chegou presentar o ano pasado un recurso contra a adxudicación do proxecto diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Galiza (o TacGal) polos prexuízos ambientais e económicos do plan de soterramento, se ben este foi inadmitido por non tratarse dunha das licitadoras no procedemento. 

"Fálannos moito da pegada de carbono, da transición ecolóxica, pero o alcalde gabouse de que o túnel vai servir para fluidificar o tráfico, e iso significa que vai atraer máis tráfico, é un contrasentido", censura o intergrante de Vigo Histórico, e avanza que a entidade presentará un recurso contencioso administrativo ante a "total falta de respostas e incumprimentos" por parte do Goberno municipal coa veciñanza.