A veciñanza de Sarria revólvese contra o concello: "Non nos imos render"

[Imaxes: Plataforma Sarriana polo Río]

Centos de manifestantes convocad@s pola Plataforma Sarriana polo Río concentráronse ás portas da casa do rexedor municipal para amosaren o seu rexeitamento ás obras de encauzamento e ao despexo acometido pola Garda Civil. 

 

Arredor de 500 veciñ@s de Sarria saíron no serán do 25 de marzo á rúa para amosaren o seu rexeitamento á actuación do Concello, a Conferencia Hidrográfica e a Garda Civil. Após seren despexad@s polos axentes do instituto armado que impediron o seu acceso ás inmediacións da Ponte do Toleiro, a veciñanza da vila deu conta da oposición maioritaria ás obras do encauzamento do río Sarria que poñen en perigo o patrimonio etnográfico sarriao. 

Así, aseguraron nun comunicado difundido através da súa conta na rede social Facebook que prefiren "as árbores e as pontes vellas ao formigón". Nestes termos se referiron á tala dos ameneiros que se atopan na ribeira do Sarria e que toman parte dun proxecto de catalogación como árbores senlleiras que se atopa en proceso de resolución en mans da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. 

"A Plataforma non se vai deter ata levalos ante a Xustiza para que respondan do que fixeron"

Esta foi a razón fundamental, xunto cunha revisión do expediente que acompaña o proxecto de obra, que levou á xuíza da vila a ordenar a paralización temporal da tala á espera de dar solución ao conflito que mantén mobilizada a veciñanza de Sarria en defensa deste espazo natural que atravesa o Camiño Francés. Neste senso, desde a Plataforma lembran que a Conferencia Hidrográfica non conta coa autorización de Patrimonio para desenvolver estas obras. 

"Se vostedes fan unha obra na contorna de influencia do Camiño de Santiago, esixiránlle montes e moreas de seudo-garantías de protección", sinalan, mais "a administración pode facer o que lle veña en gana sen informes preceptivos, incumprindo sistemáticamente a legalidade, con total opacidade e coa connivencia de tódolos organismos implicados", denuncian. 

Face esta situación o movemento veciñal asegura que non cesará na súa loita " para defendernos dos propios representantes nosos". Asemade, advirten que "a Plataforma non se vai deter ata levalos ante a Xustiza para que respondan do que fixeron".