A veciñanza de Trabada reclama á Xunta a restitución dos servizos médicos

Concentración este domingo en Trabada en defensa da sanidade pública. (Foto: Plataforma Sanitaria da Mariña)

Un cento de veciños e veciñas de Trabada concentráronse na maña deste domingo 15 diante do centro de saúde da localidade para protestar polos recortes sanitarios na localidade.

A veciñanza de Trabada respondeu este domingo á convocatoria da Plataforma Sanitaria da Mariña e do Goberno de Trabada para reclamar diante do centro de saúde deste municipio da Mariña a restitución do servizos sanitarios na localidade.

As entidades promotoras da protesta consideran que “a situación que está a atravesar o centro de saúde de Trabada é moi grave e os únicos responsábeis son o Sergas e o Goberno da Xunta, que están a destruír a Atención Primaria na comarca de xeito flagrante”.

Os colectivos organizadores da mobilización deste domingo en Trabada amósanse moi críticos coa posición das autoridades sanitarias, que en todo este período non atenderon as demandas de reforzar os servizos médicos no municipio.

O centro de saúde do concello de Trabada está dotado con dúas prazas de persoal médico. Mais desde o ano 2023, no que se xubilou un dos dous facultativos, un só profesional tívose que facer responsábel da asistencia sanitaria das 1.100 persoas que residen no municipio.

A Plataforma Sanitaria da Mariña indica que malia contar cunha poboación de 1.100 residentes é necesaria a presenza de dous profesionais da medicina para atender a carga de traballo e garantir a calidade asistencial no municipio

'Un concello moi extenso, cunha poboación moi avellentada'

O colectivo lembra que “Trabada é un concello moi extenso, cunha poboación moi avellentada, moi disperso e cunha distancia entre núcleos de poboación bastante grande. Por estes motivos a súa poboación, con gran porcentaxe de maiores de 65 anos, é altamente demandante de atención médica”.

A elevada idade da poboación obriga ao persoal sanitario a dedicar moito tempo aos casos de atención domiciliaria. Ao tempo, o municipio conta cunha residencia de maiores con 39 residentes, unha parte dos cales requiren unha asistencia especial   

A situación sanitaria do municipio complicouse nos meses de verán. A este respecto, Plataforma Sanitaria da Mariña indica que a ausencia do único médico que hai actualmente durante o mes de agosto produciu numerosas situacións deficitarias, xa que foi substituído unicamente durante dous días á semana e durante unhas horas cada día.