Veciñanza de Val do Dubra protesta contra un vertedoiro

Protesta da veciñanza de Val do Dubra. (Foto: Adega)
Exixen á Xunta que non emita informe favorábel.

Veciñanza da parroquia de Niveiro, en Val do Dubra (comarca de Compostela), concentrouse esta quinta feira diante do Concello para expresar de novo o seu rexeitamento á construción dun vertedoiro a ceo aberto na canteira de Pedra Facha. Convocados pola plataforma Niveiro Veciños, e apoiados por asociacións ecoloxistas como Adega e o Goberno local de Val do Dubra (PSdeG e Anova), veciñas e veciños da zona e mesmo de concellos limítrofes como Trazo, rexeitaron de novo a instalación desta entulleira e instaron a Xunta da Galiza a que “non emita informe medioambiental favorábel á instalación” do vertedoiro.

Esta nova mobilización veciñal en Val do Dubra responde á sentenza que obriga o Concello a "dar compatibilidade urbanística ao proxecto". En abril, o Goberno local e a plataforma mantiveron un encontro logo de recibir o Concello un oficio xudicial que impón o cumprimento obrigatorio da sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña.

O apoio xudicial á instalación non freou a veciñanza, que acordou intensificar as mobilizacións en contra este vertedoiro e explorar vías coas que seguir a loitar para frear a súa implantación. O Concello estuda alternativas para impedir o que consideran "un gran problema", non só para Val do Dubra senón tamén para os concellos limítrofes.

Compatibilidade urbanística "negativa"

A antiga canteira de Pedra Facha, funcionou anteriormente para actividades mineiras. Agora, un proxecto de rehabilitación e rexeneración da zona promovido pola empresa Gongojova (arrendataria dos terreos de Francisco Gómez e Día), inclúe a instalación dun vertedoiro de residuos "non perigosos", segundo a empresa promotora.

Con todo, o Goberno local emitiu inicialmente un informe de compatibilidade urbanística negativo "por considerar que se ben a rexeneración da canteira resultaría urbanisticamente compatíbel, non o sería que esta inclúa a creación do pretendido vertedoiro de residuos".

Veciñanza e Concello fican agora pendentes dos trámites medioambientais ante a Xunta, insisten en que este proxecto vai contra os intereses xerais municipais "que se entenden gravemente lesionados por este proxecto de vertedoiro, de indiscutíbel e considerábel impacto medioambiental e socioeconómico, tanto presente como futuro".