Veciñanza de Val do Dubra e de Trazo volven saír á rúa contra o vertedoiro en Pedra Facha

Manifestación esta sexta feira (Foto: Nós Diario)
Piden á Xunta que non emita informe favorábel

O proxecto de converter a antiga canteira de Pedra Facha nun vertedoiro a ceo aberto está a unir a veciñanza dos concellos de Val do Dubra (comarca de Compostela) e Trazo (comarca de Ordes) na oposición a esta iniciativa, que entenden como prexudicial para ambos os dous municipios.

A zona máis afectada é a parroquia de Niveiro, en Val do Dubra, onde se quere instalar este vertedoiro. Desde a asociación veciñal de Niveiro indican a Nós Diario que "non estamos dispostos a que aquí fagan outro Casalonga ou outro Miramontes", en referencia a dous vertedoiros na zona de Teo e Compostela, que seguiron desenvolvéndose malia que tamén xeraron no seu día un gran rexeitamento veciñal. 

Critican desde o colectivo que se pretenda presentar como unha "rehabilitación" da canteira o que vai ser, insisten, un vertedoiro de residuos. "A rehabilitación non se fai enterrando lixo no medio das casas dos veciños e das veciñas ou de explotacións de gando de leite”. Neste sentido, indican que a 800 metros do lugar hai unha granxa e a menos de un quilómetro varias vivendas. "Non nos opoñemos por motivos estéticos, senón polo impacto negativo que vai ter en toda a zona", afirman. 

Apoio municipal

Os Concellos de Val do Dubra e de Trazo xa amosaron o seu apoio á veciñanza no rexeitamento deste proxecto. Onte decorreu a segunda manifestación —a primeira foi en maio— contra o vertedoiro, unha mobilización na que instaron a Xunta da Galiza a que “non emita informe medioambiental favorábel á instalación” do vertedoiro.