Veciñanza de Val do Dubra volven saír á rúa contra o vertedoiro en Pedra Facha

Un momento da manifestación (Foto: Asemblea Niveiro)

Desta vez varios tractores acompañaron a manifestación.

O proxecto de converter a antiga canteira de Pedra Facha nun vertedoiro a ceo aberto está a unir a veciñanza dos concellos de Val do Dubra (comarca de Compostela) e Trazo (comarca de Ordes) na oposición a esta iniciativa, que entenden como prexudicial para ambos os dous municipios.

Esta cuarta feira, a veciñanza volveu protestar nunha manifestación, desta vez acompañada de varios tractores, para amosar o seu rexeitamento a este proxecto.

“En Val do Dubra continúan en activo 133 explotacións gandeiras, cun censo de 5.387 cabezas de gando bovino, un reflexo da importancia histórica deste sector no concello, especialmente no tocante ao lácteo”, afirman dese a plataforma que s eopón a este roxecto.

Desde a Asociación Medioambiental de Niveiro expoñen unha vez mais: “Non podemos permitir que este sen sentido de proxecto remate coa vida e o futuro dos nosos fillos”

Un proxecto, afirman, que pretende a apertura dun vertedoiro de residuos a ceo aberto a menos dun km das vivendas e das explotacións gandeiras “non pode ter un informe Medioambiental favorábel. Instamos a Xunta da Galiza a manifestarse e a dar transparencia a situación de este proxecto que tanto preocupa os veciños de Val do Dubra” e concellos lindeiros.