Á venda por 200.000 euros un mosteiro románico na comarca de Paradanta do Século X

Fachada do Mosteiro (Foto: Concello de Crecente)

Situado en Albeos, Crecente, é mostra da arte románica na diocese de Tui.

O Mosteiro de San Paio, en Albeos (Crecente, comarca da Paradanta) está á venda nun portal inmobiliario por 200.000 euros. Un importe moi por baixo do que pode custar un piso nas cidades gelgas permitiría facerse con este mosteiro do século X, exemplo da arte románica na diocese de Tui.

En ‘Idealista’, a páxina onde está a venda, o anunciante afirma que o mosteiro que pretende vender “é unha desas xoias inmobiliarias que clama por una supervivencia digna”. “Estamos a falar dunha propiedade totalmente única, con valores históricos e artísticos extraordinarios”, afirma.

O mosteiro foi mandado edificar polo bispo de Tui, Hermoigio, en recordo do martirio do seu sobriño, o neno Paio. A súa fundación remóntase á segunda metade do século X, sendo construído no terreo dos pais do neno e cos bens que este debía herdar.

Segundo figura na páxina web do Concello, a parte conservada do que debeu ser a casa-cuarto do convento, posúe unha planta cuadrangular, cunhas dimensións de 14 x 11 m. Presenta unha fachada cun arco de gran dovelaxe cuxa factura sería do século XVII.

Na mesma fachada continúa a parede na que hai unha porta de arco semicircular con doelas resaltadas alternadamente e un tímpano sobre dúas mochetas que representan dúas cabezas de carneiro. O tímpano dunha soa peza ten en relevo unha gran circunferencia cunha cruz patada central sobre a que se entrelaza formando unha rosa de catro puntos.

Consérvase ademais, un tímpano con decoración románica, presidido por un pantocrátor sentado e nimbado, o cal sostén un libro coa man esquerda e bendice coa dereita. Un anxo e un querubín de pé, apoiados no lintel, insírense no espazo suxeitando a mandorla que encerra o pantocrátor. O devandito tímpano apóiase sobre dúas mochetas decoradas con cabezas de carneiro que á súa vez se apoian sobre xambas.

Patrimonio en veda

Cruceiros, fortalezas, mosteiros, reitorais... Non son poucos os BIC galegos que figuran á venda. Un deles, por exemplo, o pazo de Santo Estevo do Castro de Amarante, en Antas de Ulla, comarca da Ulloa, cunha fortaleza declarada BIC e á venda o pasado mes de marzo nun portal especializado por 1.300.000 euros. "Está en perfecto estado para ser utilizado como vivenda ou para xestionar como negocio de celebración de eventos. O Pazo ten unha torre do século XIII e o pazo e a capela son do século XVII", describían este conxunto. Na primavera pasada, veciñanza deste Concello mobilizouse para reclamar a apertura ao público da fortaleza. 

A través de diferentes portais e páxinas webs especializadas poden atoparse á venda 39 aldeas na Galiza, 23 adegas e viñedos e 171 pazos e casas señoriais. Mais a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) amplía a cifra a 250 pazos que están dispoñíbeis para a venda.

No Inventario Xeral de Patrimonio están catalogados case 900 inmóbeis deste tipo, polo que practicamente unha cuarta parte deles están á venda no mercado inmobiliario