Á venda as viaxes do Imserso: estes son os destinos e os prezos dispoñíbeis

Póñense á venda as viaxes do Imserso 2024-2025. (Foto: laviejasirena).
Esta segunda feira póñense á venda as primeiras prazas para viaxar a Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela e León, Comunitat Valenciana, Estremadura, Madrid, Melilla e Murcia.

A reserva das viaxes do Imserso para a tempada 2024-2025 comeza esta terza feira na Galiza e estarán á venda esta cuarta feira e esta quinta feira. Para reservar praza será necesario abonar unha cantidade fixa que non superará 20% do importe total da viaxe. Este pago deberá completarse 45 días antes do inicio da viaxe ou no momento da reserva.

As prazas estarán distribuídas en 443.887 para o Lote 1 (costa peninsular); 230.039 prazas para o Lote 2 (costa insular) e un total de 212.343 prazas para o Lote 3 (escapadas e turismo europeo). Os prezos das viaxes dependerán do destino e  a duración das mesmas, mais os pagos oscilarán entre uns 120 e uns 435 euros.

Estancias e prezos

Así, entre as opcións máis económicas está o turismo de escapada, con circuítos culturais de 6 días (5 noites) por 293,16 euros; o turismo de natureza durante 5 días (4 noites) por 286,82 euros; as visitas a capitais de provincia durante 4 días (3 noites) por 124,68 euros e Ceuta ou Melilla durante 5 días (4 noites) por 286,82.

A Costa Peninsular (Andalucía, Catalunya, Murcia ou Comunitat Valenciana) con transporte, pódese visitar durante 10 días (9 noites) por 290,07 euros ou durante 8 días (7 noites) por 228,93 euros. Sen transporte, 253,65 euros e 210,72 euros, respectivamente.

As estancias na Costa Insular distinguen as Illes Balears das Illas Canarias. As estancias nas Balears, con transporte, van desde os 331,49 euros 10 días (9 noites) aos 267,63 euros 8 días (7 noites). Sen transporte, 253,77 euros as estancias máis longas e 210,47 euros as máis curtas.

Nas Illas Canarias, estancias de 10 días (9 noites) con transporte por 435,95 euros e estancias de 8 días (7 noites) por 355,30 euros. Sen transporte, ben 253,65 euros 10 días, ben 210,39 8 días.

Reservas

Para reservar praza será necesario abonar unha cantidade fixa que non superará 20% do importe total da viaxe. Este pago deberá completarse 45 días antes do inicio da viaxe ou no momento da reserva se a viaxe comeza en outubro ou novembro e se reserva con menos de 45 días de antelación.

As reservas poderán realizarse a través de axencias de viaxes acreditadas, coa presentación única do DNI ou na web oficial (www.turismosocial.com), onde será necesario achegar tamén a clave de acreditación remitida polo Imserso ao beneficiario.

Un 5% máis de hoteis

A cifra total de hoteis que participan no programa de viaxes de turismo do Imserso para a tempada 2024-2025 é aproximadamente un 5% superior ao concurso anterior, aínda que poderán ser máis porque aínda non se fechou de forma definitiva a contratación.

En concreto, Turismo Social, a marca de Ávoris Corporación Empresarial que xestiona o programa, publica na súa páxina web o número de estabelecementos que inclúe o programa.

Con todo, desde o grupo turístico informan que aínda non acabaron de publicar o total dos hoteis. "É un traballo que se desenvolve en paralelo á publicación dos circuítos e nos próximos días estará terminado", explicou a compañía.