Análise

Unha relectura da Lei de Discapacidade

Imaxe da campaña #EuDecido impulsada por Aspace Galiza con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral 2022 (Foto: Aspace Galicia).
O 3 de setembro de 2021 entraba en vigor a nova Lei de Discapacidade, "pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica". Unha modificación que adapta o ordenamento xurídico do Estado español á Convención dos Dereitos das Persoas Con Discapacidade de Nova York, de 2006.

O 3 de setembro de 2021 entraba en vigor a nova Lei de Discapacidade, "pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica". Unha modificación que adapta o ordenamento xurídico do Estado español á Convención dos Dereitos das Persoas Con Discapacidade de Nova York, de 2006.

Imponse, deste xeito, o cambio dun modelo como o que estaba vixente, no que predominaba a "substitución na toma das decisións que afectaban ás persoas con discapacidade", por outro baseado no "respecto á vontade da persoa", quen, por regra xeral, "será a encargada de tomar as súas propias decisións".

Miguel Vieito Villar, avogado especialista en dereito á saúde mental e contra a discriminación e membro da Coordinadora do Movemento Galego de Saúde Mental, cualifica a lei como "un verdadeiro tsunami xurídico". É de tal alcance que modifica, á súa vez, a Lei do Rexistro Civil, a Lei hipotecaria, a Lei de Notariado e mesmo o Código Civil.

O seu obxectivo é garantir a participación en igualdade, na sociedade, das persoas con discapacidade potenciando a súa autonomía, favorecendo unha vida independente e garantindo a súa liberdade para tomar decisións. Para iso, entre outras cuestións, elimínase a figura do titor ou titora e créanse, como medidas de apoio, as figuras de curatela e de garda de feito.

Ademais, pasa a considerarse excepcional a "curatela representativa" que, segundo explica Vieito, "representaba até o 75% dos apoios que se concedían" mais que, a partir do momento no que entra en vigor a nova lei, queda limitada a aqueles casos nos que non é posíbel coñecer a vontade da persoa nin esta é quen de tomar decisións por si propia. 

A lei estabelece un período de tres anos para revisar, de oficio, todas as sentenzas anteriores. Isto implica que, nese período, os xulgados de familia galegos terán que afrontar un aluvión de procesos de revisión, ademais dos novos. Un problema para un sistema xudicial que xa acumulaba unha importante demora. 

A falta de coñecer os datos relativos a 2022, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, os "Procesos modificativos da capacidade das persoas" tiñan en Galiza, no ano 2018, 7,9 meses de demora e en 2020 e 2021 xa ascendían aos 8,6 meses. Unha media que era superior nas grandes cidades. E isto antes de entrar en vigor esta lei.

E é que unha modificación de tal calado fíxose sen incrementar os medios materiais e humanos nos xulgados. Nese sentido, Miguel Vieito pon de manifesto que "non é que poida haber problemas de saturación, é que os vai haber. E non só dos xulgados de primeira instancia e coa fiscalía, senón tamén coas entidades que prestan servizos sociais, polo aluvión de solicitudes de informes sociais que xa está chegando".

— O obxectivo da lei é garantir a participación en igualdade das persoas con discapacidade. Elimínase a figura da persoa titora e créanse as figuras de curatela e garda de feito 
 

A mesma preocupación manifesta Iván Sanmartín, avogado de Saúde Metal Feafes (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galiza), quen considera "optimista" un prazo de tres anos, "para dar rematado con todos os procesos de revisión".
Xunto a isto Vieito apunta como un dos puntos críticos a situación da FUNGA (Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas) porque "ten máis persoas adscritas que nunca e graves recortes de persoal", cunha ratio entre persoal técnico e número de persoas ás que supervisan "totalmente inasumíbel".

Bancos sen alma

A estas dificultades cómpre engadir as que están poñendo as entidades bancarias, que comezaron a remitir escritos ás persoas que figuraban até o de agora como titoras advertindo que "de non achegar a documentación que acredite a revisión, unha vez concluído o prazo estipulado, as túas facultades de representación vencerán e a operativa da persoa representada pode quedar inactiva como cliente".

Un problema que se engade aos atrancos que xa están poñendo nos casos da garda de feito e que Miguel Vieito atribúe a que "non están entendendo o sistema normativo". E é que hai casos, coma este, nos que non fai falta unha sentenza xudicial. Por iso o especialista en dereito á saúde e contra a discriminación entende que esta actitude dos bancos é "unha especie de resistencia pasiva ancorándose nun suposto porto de seguridade, que son as sentenzas, e negándose a cumprir a lei".

Por iso hai xa intentos de obter algunha resolución a través de Consumo, na liña de denunciar a actitude das entidades bancarias. Unha situación cuxa resolución é inconcibíbel que dependa dunha posíbel sanción deste organismo, provocando entrementres a indefensión das persoas con discapacidade.