Temporal

O vento deixa refachos de máis de 130 quilómetros por hora en Viveiro e obriga a fechar os parques na Coruña

Unha muller tenta suxeitar o seu paraugas fronte á forza do vento na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
De cara a esta sexta feira prevese que a alerta sexa vermella por vento no mar e ondas que poderán chegar ao oito metros en todo o litoral entre O Barbanza e A Mariña.

O vento deixou na madrugada desta quinta feira refachos de máis de 130 quilómetros por hora en Viveiro (A Mariña), nunha xornada na que o temporal costeiro obrigou a fechar os parques na cidade da Coruña. Para esta quinta feira, está activada a alerta laranxa por ondas e vento no mar en toda a costa galega. Ademais, hai aviso amarelo por vento na Mariña, así como nas zonas de montaña do interior.

Segundo a información de Meteogalicia, na comarca da Mariña rexistráronse ventos de 134 quilómetros por hora en Viveiro. Ademais, en Punta Candieira, en Cedeira, alcanzáronse os 130 quilómetros por hora. Estes fortes refachos tamén se deixaron sentir na zona da Costa da Morte. Así, en Malpica de Bergantiños os ventos alcanzaron os 115 quilómetros por hora.

Debido aos ventos e as condicións meteorolóxicas adversas, o Concello da Coruña procedeu ao feche dos parques da cidade. O consistorio herculino pediu á cidadanía que manteña a precaución e siga as indicacións da Policía, os Bombeiros e Protección Civil.

Alerta vermella na costa esta sexta feira

De cara a esta sexta feira prevese que a alerta sexa vermella por vento no mar e ondas que poderán chegar ao oito metros en todo o litoral entre O Barbanza e A Mariña. Ademais, haberá aviso amarelo por vento na mesma parte da costa e mais en zonas do interior do país.