Os ventos de Ophelia previstos para esta noite ameazan con agravar os efeitos da vaga de lumes

Columna de fume sobre a ponte de Rande. Foto tirada de @anaponton

É o pior cenario imaxinábel: incendios descontrolados, altas temperaturas, seca e un furacán que, embora amortecido, alcanzará Galiza a partir desta medianoite e que se prevé que traia ventos de 100 quilómetros por hora. Ophelia pode complicar extraordinariamente as operacións ao dispositivo anti-incendios.

"Estou preocupadísimo. Agárdanse ventos de 100 quilómetros por hora e os brigadistas [persoal anti-incendios] leva moitas horas de loita, estarán rebentados", di a Sermos Galiza Xosé Luís Rivas, Mini, parlamentar do BNG e un dos políticos galegos que máis ten estudado o fenómeno dos incendios no país e as súas causas profundas.

 

"Con ventos de 100 quilómetros por hora e de noite, os meios aéreos non poden actuar. Iso é terríbel", di. E constata: "Estamos a falar de lumes que comezna en Ponteareas e chegan a Redondela en moi pouco tempo. Isto é produto do abandono do rural e da falta de ordenación do territorio. Hai masas de pirófitas [basicamente eucaliptos] sen solución de continuidade. apenas hai cortalumes...", reflicte.

 

Mini denunciou esta semana o desmantelamento do dispositivo anti-incendios. "Ao final do verán licenciouse persoal que tiña contratos de tres meses. Esa xente procurou outros traballos e agora moitos deles non estaban disponíbeis. Foron substituídos por persoas sen a suficiente formación. Ese é un problema moi grave", denuncia.

 

"O operativo fai augas. Non é sostíbel. Precisamos un dispositivo público 100 por 100 que no mínimo funcione 9 meses ao ano", alega.