Cando comeza o verán? Este ano durará 93 días e 16 horas

Veraneantes na praia de Silgar, en Sanxenxo. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
O comezo do verán no hemisferio norte coincide co comezo do inverno no hemisferio sur.

O solsticio de verán ocorre cando o sol alcanza a máxima declinación —mínima no solsticio de inverno desde o hemisferio norte—, proxectando a súa luz sobre a máxima latitude xeográfica na Terra. Este ano tal circunstancia producirase esta quinta feira, día 20, ás 20.51 horas [hora da Galiza], segundo os cálculos do Observatorio Astronómico Nacional.

Esta estación durará aproximadamente 93 días e 16 horas, e rematará o 22 de setembro co comezo do outono. O comezo do verán no hemisferio norte coincide co comezo do inverno no hemisferio sur. O inicio das estacións vén dado, por convenio, por aqueles instantes en que a Terra está nunhas determinadas posicións na súa órbita ao redor do sol.

No caso do verán, esta posición dáse no punto da eclíptica no que o sol alcanza a súa posición máis boreal. O día en que isto sucede, o sol alcanza a súa máxima declinación Norte (+23º 27') e durante varios días a súa altura máxima ao mediodía non cambia. A esta circunstancia chámaselle tamén solsticio de verán.

O día do solsticio de verán corresponde ao de maior duración do ano. Ao redor desta data atópanse o día en que o sol sae máis cedo e aquel no que se pon máis tarde. Un feito circunstancial non relacionado coas estacións dáse tamén nesta época: o día do afelio, é dicir, o día en que o sol e a Terra están máis afastados entre si ao longo do ano. Este ano será o 5 de xullo.

É este maior afastamento ao sol a causa de que a Terra se mova máis lentamente ao longo da súa órbita elíptica durante o verán —segundo a coñecida como segunda lei de Kepler— e por tanto a duración desta estación sexa maior que outras.

O inicio do verán pode darse, como máximo, en tres datas distintas do calendario —do 20 ao 22 de xuño—. Ao longo do século XXI o verán iniciarase nos días 20 e 21 de xuño —data oficial—, sendo o seu inicio máis temperán o do ano 2096 e o inicio máis tardío o de 2003. As variacións dun ano a outro débense ao modo en que encaixa a secuencia de anos segundo o calendario —uns bisestos, outros non— coa duración de cada órbita da Terra ao redor do sol.