Un brigadista que loita contra os incendios no sur de Pontevedra

"Veste impotente, isto é unha improvisación, un caos..."

[Imaxe: @BrifLaza]

Falamos con Luis, un dos 436 brigadistas despedidos pola Xunta a 30 de setembro e voltos a contratar ás présas o pasado 11 de outubro perante a vaga de incendios. “A Xunta segue erre que erre co de que os incendios son cousa do verán, non se enteran de que iso xa non vale”.

A 30 de setembro, a Xunta despedía 436 traballadores da loita contra incendios, 436 brigadistas aos que a Xunta só contrata 3 meses ao ano, os cualificados de alto risco (xullo a setembro). Pouco importaron as advertencias de que este ano extremamente seco aconsellaba non se desfacer dese persoal, pouco se tiveron en conta os consellos de que había que manter o operativo por mor da desestacionalización dos incendios. O propio presidente da Xunta afirmou que ese despedimento colectivo non afectaba a loita contra o lume. Está todo controlado, veu dicer Núñez Feijóo. Dúas semanas despois, a 11 de outubro, e perante a vaga de incendios que comezaba a se estender por Galiza, a Xunta volvía contratar ás présas eses operarios.

 

“Unha chapuza e un caos, produto da improvisación”, opina Luis G, membro de Atrifoga (Asociación de Traballadores de incendios forestais de Galiza). Luis atende Sermos Galiza após de combater durante horas o lume que esta fin de semana asola o noso país. Está no distrito Baixo Miño-Vigo, un dos máis afectados polo lume.“Hai compañeiros que traballan 14 horas sen descanso, compañeiros que non estaban de quenda e uníronse á loita contra o lume...”.

 

“Xente desesperada”

 

“A situación é moi fastidiada”, afirma, “e non hai persoal suficiente, nin medios, porque arde por todos os lados”. Luis explica como a xente “chama desesperada” porque o lume afecta bens e propiedades, cerca aldeas... mais non se pode atender todos os casos. “Veste impotente”.

 

Luis considera que agora o fulcral é acabar con esta vaga de incendios, mais aponta a que, unha vez conseguido ese obxectivo, vai haber que falar a serio de moitas cousas. “Levamos tempo con informes e estudos que nos indican que os incendios en Galiza se desestacionalizaron, que tamén pode arder en setembro, en decembro ou en febreiro”. Mais, critica, “a Xunta continúa erre que erre que os incendios son cousa do verán”. Iso é, considera, “non enterarse” do que pasou estes anos. E pon o exemplo deste ano, onde a pesar da alerta por seca, da persistente escasez de choivas, continuouse co operativo “de sempre”.

 

“O lume é un problema moi gordo que vai haber que abordar en serio, non valen parches”, conclúe.