A veciñanza do Vicedo reclama "médicos xa" fronte ao desmantelamento da atención sanitaria máis próxima

WhatsApp Image 2024-08-25 at 12.33.19
As protestas pola falta de persoal médico no centro de saúde mantéñense desde primeiros de ano.

Asociacións culturais, deportivas e veciñais do Vicedo (A Mariña) concentráronse este domingo diante da Casa do Concello para exixir a cobertura das prazas de persoal médico con carácter fixo que nin gozan de estabilidade nin garanten unha asistencia sanitaria digna para o conxunto da poboación.

As entidades convocantes denuncian incidencias unha semana tras doutra. Aseguran que a ausencia de facultativos mantivo o centro de saúde sen médicos durante días soltos, as axendas fechadas durante dúas semanas, xornadas nas que só se atenderon as urxencias e nas que mesmo chegaron a anularse algunhas citas.

Sanidade na Mariña

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña manteñen que o distrito sanitario da Mariña atópase nunha situación moi deficitaria polo que se refire aos servizos sanitarios básicos en todas as épocas do ano, "máis nas épocas estivais agudízanse moito os déficits, xa que a poboación da comarca triplícase ou cuadriplícase".

A día de hoxe, aseguran nun comunicado, "hai centros de saúde onde falta 100% do cadro médico e estase a substituír cunha persoa que realiza actividade asistencial dúas horas, como está a acontecer en Trabada", onde hai un ano se xubilou un dos facultativos e non se volveu cubrir a súa ausencia.

No Vicedo situación de falta de persoal médico desde hai máis dun ano "é insostíbel e vergoñenta", polo que exixen "unha resposta inmediata" por parte da Consellaría de Sanidade a unha poboación que "está a mobilizarse practicamente todas as semanas pola falta de facultativos".

No resto de centros de saúde da Mariña a situación é igualmente grave, afirman desde a plataforma, xa que non se cobren as ausencias por baixas, permisos ou vacacións. Como única alternativa, aclaran, fica botar man do persoal que "con moi boa vontade" prolongan a súa xornada e tratan de suplir os compañeiros.

Apoio á veciñanza

A veciñanza e o tecido asociativo do Vicedo contou co apoio de representantes públicos. Como veciña creo que debo estar aquí", explica a Nós Diario Verónica Canoura, voceira do PSOE local, quen apunta a situación da sanidade no municipio como un "problema" que urxe unha reparación urxente.

"Despois de moito tempo conseguimos que a única médica que tiñamos a tempo parcial, unhas horas ao día, estivese a tempo completo até decembro, pero esta sexta feira recibiu unha notificación na que o Sergas lle comunicaba que escusar no centro de saúde do Vicedo par acudir ao de Viveiro. E quedamos sen ninguén, e prevemos que esta segunda feira pase o mesmo. E non é xusto".

Manisfestación polas rúas do Vicedo, este domingo, para exixir persoal médico. (Foto: Nós Diario).

Tamén desde o BNG do Vicedo apoian as reivindicacións veciñais. Miguel Gómez asistiu á mobilización para sumar a súa protesta e reclamar medidas efectivas para que o centro de saúde do municipio deixe de estar desatendido. "Levamos un ano sen que se cubran as prazas de médico, cunha única substituta que cando a reclaman ten que ir reforzar o servizo de Atención Primaria de Viveiro, deixando o Vicedo sen cobertura".

O BNG local presentou unha moción en novembro do ano pasado para exixir que se cubrisen as dúas prazas asignadas, "pero a situación non muda e o resultado sempre é o mesmo". "Cando non temos médico temos que ir a Viveiro, pero o seu centro de saúde tamén está comprometido porque non ten persoal suficiente, por imos nós e vai a veciñanza de Ourol cando tamén queda sen médico e acabamos colapsando o hospital de Burela", conclúe.