VÍDEO | Arden por completo dúas vivendas en Culleredo

Incendio rexistrado en dúas vivendas de Culleredo, na sexta feira, 24 de maio. (Foto: Bombeiros de Arteixo)

Na noite da sexta feira rexistrouse tamén un incendio en Marín e outro en Ribeira

Un incendio nunha cheminea calcinou por completo dúas vivendas da avenida Rueiro, en Culleredo (comarca da Coruña), sen ter que lamentar danos persoais.

Segundo informou o 112, foi arredor das 22 horas da sexta feira cando varias persoas alertaron de que saía moito fume dunha casa, víanse as lapas e detallaron que non había xente no interior do inmóbel afectado.

No operativo participaron os Bombeiros de Arteixo e os da Coruña e Betanzos (As Mariñas), tendo que desprazar ademais unha motobomba desde A Laracha (Bergantiños).

Incendio en Marín

Na mesma noite da sexta feira, outro incendio, desta volva en Marín (O Morrazo) calcinou tamén a habitación dunha vivenda do barrio de San Pedro.

Segundo informou o 112, o suceso produciuse sobre as 21 horas e até o punto desprazáronse os Bombeiros do Morrazo que, tras actuar no punto, explicaron que o incendio, alén de queimar o cuarto mencionado, provocou fume que afectou a toda a vivenda. Ademais, a causa do lume faleceu un animal de compañía.

Arde unha furgoneta en Ribeira

Tamén sen ter que lamentar danos persoais, os bombeiros do parque comarcal provincial de Boiro (O Barbanza), extinguiron un incendio nunha furgoneta rexistrado en Ribeira na noite da sexta feira.

Segundo informou o Consorcio provincial contra incendios, o aviso produciuse sobre as 23.30 horas en relación a un vehículo estacionado nun aparcamento público da rúa 1 Cubeliño. Ao chegar ao lugar, os operarios confirmaron que se trataba dunha furgoneta isoterma que estaba afectada polo lume na zona do motor e da cabina.