VÍDEO | A solidariedade con Palestina toma as rúas galegas

Manifestación en apoio a Palestina, esta segunda feira en Compostela (Foto : Nós Diario).
24 concellos galegos acolleron esta segunda feira mobilizacións en solidariedade con Palestina. As protestas, convocadas pola Asociación galaico árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina, reclamaron a Israel o cese da súa “brutal campaña de morte”, que ocasionou máis 10.000 falecementos nas últimas semanas.

Milleiros de persoas mobilizáronse esta segunda feira máis dunha vintena de concellos da Galiza para expresar o seu rexeitamento ao “xenocidio” que o Estado de Israel está a cometer contra o pobo palestino. Nesta ocasións, as protestas desenvolvéronse nos principais núcleos urbanos galegos, nas vilas cabeceira de comarca e tamén en localidades des de menor dimensión e poboación. As entidades convocantes das protestas adiantaron novas mobilizacións para o vindeiro 8 de novembro nas tres universidades galegas.

O voceiro de Mar de Lumes, Óscar Valadares, sinalou a Nós Diario que “as mobilizacións desta segunda feira enmárcanse nun contexto de protestas, que xa superan as 60 no que vai de ano”. Destaca que “as concentracións e manifestación estanse a organizar en todo o territorio galega, sexa en cidades ou en vilas cabeceiras de comarca, co obxectivo de darlles un carácter de país”. Nesta dirección, valora que “as 24 mobilizacións desta segunda feira non son as primeiras nesta nova fase de exterminio contra o pobo palestino nin van ser as últimas”.

A responsábel do colectivo BDS Galiza, Elvira Souto, asegura a Nós Diario que “non é fácil describir as atrocidades que está cometendo Israel na Palestina, non só na Faixa de Gaza, tamén na Cisxordania. Faltan palabras. A crueldade impune con que actúa Israel só pode ser entendida pola complicidade asasina da maioría dos Gobernos occidentais e o apoio dos grandes media que divulgan as súas mentiras grotescas”. A denuncia da conivencia co Estado de Israel das autoridades galegas, españolas e comunitarias marcou as mobilizacións desta segunda feira. Neste sentido, os colectivos organizadores das protestas sinalaron no manifesto lido ao remate das mesmas que “é responsabilidade nosa denunciarmos a complicidade dos nosos Gobernos, en particular do Goberno español e da Unión Europea, co Estado terrorista de Israel, e tamén o vergoñento papel da Xunta da Galiza”.

As entidades promotoras das mobilizacións declararon que “o noso papel, como sociedade consciente e como pobo solidario que sempre se posicionou coas causas xustas, é condenarmos a teima de quen nos goberna en manter relacións privilexiadas cun Estado baseado no apartheid e que agora, nesta nova fase dunha ocupación que dura xa 75 anos, procura unha definitiva limpeza étnica”.

A Asociación galaico árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina denunciaron que “a única acción dos Gobernos de Madrid e Bruxelas sexa pedir pausas humanitarias limitadas" e tamén criticaron "que se nos pretenda presentar o exterminio dun pobo como dereito á defensa. Os Estados ocupantes non teñen dereito a se defenderen. O que exiximos é o fin do masacre e políticas decididas a terminar de verdade coa ocupación”.

O cuarto aparato militar máis potente do mundo

Elvira Souto engade, “que ninguén se engane, non estamos perante unha guerra entre dous exércitos equiparábeis. Estamos diante do confronto do cuarto aparato militar máis potente do mundo e os combatentes dun pobo que non renuncian ao dereito a defenderse da ocupación da súa terra e o exterminio da súa xente. Como xa foi lembrado, o dereito a exercer a violencia contra a ocupación pertence en exclusivo ao pobo ocupado, nunca á potencia ocupante. Por iso os pobos do mundo se manifestan masivamente estes días para reclamar a fin da violencia sionista e a liberdade do pobo palestino”.

A Xunta e Israel

Óscar Valadares chama a “pór o foco sobre as responsabilidades das autoridades, galegas, españolas e comunitarias, que están aliñadas coa causa sionista”. Neste sentido, lembra que “o Parlamento da Galiza aprobou en 2013 unha resolución unánime de condena contra o Estado de Israel pola súa política en Palestina; porén, a Xunta da Galiza manobrou por detrás e fixo todo tipo de acordos para reconducir as súas relacións con Israel e levalas a un status de amizade”.

O voceiro de Mar de Lumes critica “a hipocrisía do Goberno español e da Unión Europea”. A este respecto, denuncia que o “Executivo de Sánchez ten dito que é hora de recoñecer ao Estado palestino pero na práctica non só o recoñece senón que mantén unhas relacións privilexiadas con Israel”.