VÍDEO | O testemuño de Miriam, paciente de cancro no CHUS: "O servizo de citas de revisión está colapsado"

Miriam Rodriguez, paciente de cancro do CHUS. (Foto: Nós Diario)
Continúa o colapso no servizo de control, seguimento e avaliación de pacientes oncolóxicas

O pasado 23 de marzo Nós Diario recollía os testemuños de Rosana, Belén, María e Esther, catro de moitas doentes de cancro do Hospital Clínico de Santiago que, denunciaban nun vídeo difundido pola Asociación de Usuarias e Pacientes do CHUS, teñen suspendidas as consultas de control, seguimento e avaliación das súas doenzas, con demoras de varios meses nas citas. Unha cuestión da que a entidade vén alertando de forma reiterada nas últimas semanas —ao considerar que se incumpre a normativa legal sobre listas de agarda para consultas externas— e que o 3 de abril sumaba a experiencia de Aida, outra paciente con notábeis demoras na atención sanitaria.

Esta quinta feira é Miriam Rodríguez a que relata a súa historia no CHUS e denuncia o “deterioro dos servizos oncolóxicos e de cirurxía plástica”.

“Detectáronme un cancro de mama de orixe xenética, polo cal me sometín a unha dobre mastectomía con reconstrución inmediata e as próteses definitivas, e nunhas das consultas previas á cirurxía preséntame un cirurxián plástico. Eu entendera que este especialista formaría parte do equipo da miña operación”, relata Miriam nun vídeo difundido pola asociación.

Logo da intervención, continúa a paciente, os resultados estéticos “foron negativos, e nesa altura comunícanme que non había ningún cirurxián plástico no quirófano”.

Miriam considera que un especialista debería estar presente na súa operación para, “polo menos”, supervisar que “as próteses fosen axeitadas para min, que non son, nin por forma, nin por tamaño, nin por material, xa que me provocan moitas dores e psicoloxicamente atópome bastante mal”.

O servizo de revisión de citas, colapsado

Miriam Rodríguez tamén relata a súa experiencia co servizo de revisión de citas de control, seguimento e avaliación da súa doenza.  

“Comecei en xuño cun tratamento hormonal que debería ser revisado en outubro. Pasan os meses, poño unha reclamación de atención ao paciente, e contéstanme ao día seguinte que o servizo está colapsado e que vai por orde de prioridade”, explica Miriam.

A paciente, que afirma descoñecer os criterios que o Sergas avalía para fixar a prioridade, considera que “un tratamento hormonal é un tratamento superimportante para as pacientes de cancro”. “Conseguín, de casualidade, que nunha revisión xinecolóxica doutra cirurxía, revisasen o meu historial, e visen que eu estaba aínda sen cita da revisión do tratamento. E foi por iso que en febreiro conseguín que me viran en Oncoloxía”. “Agardo que isto non siga pasando”, engade.