CREACIÓN NA REDE

Videoactivismo galego e audiovisual popular

Volta á rede a plataforma GzVideos, que parte dunha compilación de máis de 1000 gravacións baixo o común denominador da súa relación coa comunidade nacional galega, en particular co activismo militante en prol dos dereitos sociais e revindicacións da clase traballadora

Esta semana voltou á rede a plataforma independente de video-activismo e audiovisual popular GzVideos.info (Galiza Videos), que parte dunha compilación de máis de 1000 videos baixo o común denominador da súa relación coa comunidade nacional galega, en particular co activismo militante en prol dos dereitos sociais e revindicacións da clase traballadora. Todo isto nunha nova web completamente anovada, que clasifica os videos por categorías, permite a posibilidade de envío de materiais e incorpora unha sección wiki, ademais do proxecto “GalizaTV”. Poderáse acceder no enderezo http://gzvideos.info/

As persoas impulsoras desta plataforma de comunicación lembran que “Defendemos un concepto de comunicación popular ligada a programas amplos de organización e acción política, social, sindical e cultural, procurando combater a distorsión e silenciamento a respeito das loitas e iniciativas que colisionan cos intereses do capital. Pretendemos afortalar a acción colectiva fronte os monopolios empresariais, que lexitiman as desigualdades e implantan a cultura do consumo, do egoísmo, da farándula, da banalización e da mentira, e que practican o imperialismo cultural”.

Neste sentido, GzVídeos conta con produción propia, mais non pretende converterse en emisora uni-direccional, senón que o seu obxectivo é “concienciar e capacitar movementos e organizacións populares para se converteren elas propias en xeradoras de mensaxes e que medre a súa capacidade comunicativa”.