Vigo, Cangas, Marín e Baiona súmanse ao peche de praias

Alcaldes de concellos costeiros constatan un aumento de visitantes de fóra de Galiza e piden que, se fican, cumpran o illamento

Os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo, Marín e Baiona decretaron entre este domingo --primeiro día do estado de alerta-- e esta segunda feira o peche das súas praias como medida para previr as aglomeracións e evitar contaxios do novo coronavirus.

Un dos primeiros municipios en adoptar esta decisión foi o de Sanxenxo, que precisamente nos últimos días experimentou un aumento de persoas que se desprazaron desde outros puntos do Estado para pasar a alerta sanitaria. Por isto mesmo, o Consistorio tivo que apelar o sábado "á responsabilidade" dos seus veciños e "especialmente dos visitantes".

Este domingo, a cidade de Vigo sumábase a esta iniciativa e, tras unha reunión da comisión local de seguimento do COVID-19, o Concello tomou a decisión de pechar espazos públicos, entre eles o paseo de Samil e todas as praias.

O alcalde, Abel Caballero, explicou que se adoptou esta decisión porque viu "centos e centos de persoas que ían pasear" por estas zonas. "A cuestión non é que con este tempo vaiámonos a pasear, a cuestión é que quedemos en casa", dixo, en declaracións aos medios.

Tamén o Concello de Baiona decidiu pechar todos os seus areais "sen excepción" a partir desta segunda feira, tal e como avanzou a Europa Press o alcalde, Carlos Gómez.

O rexedor explica que se trata dunha medida "disuasoria" e "a maiores" doutras como o peche da atención presencial dos servizos municipais. Neste sentido, recalca que non se adopta porque houbese algún problema "fóra do común" nin nas praias nin nos paseos.

En Cangas, o alcalde, Xosé Manuel Pazos, ordenou o peche da praia urbana de Rodeira e doutras situadas en Nerga, Viñó e a zona de Cabo Home. Ademais, o rexedor avanzou que "a idea é ir estendéndoo" a todos os areais do termo municipal.

A colocación de precintos e barreiras de obra para cortar os accesos a estas áreas súmase á prohibición do aparcadoiro de autocaravanas na liña de costa. E é que, tal e como explicou Pazos a Europa Press, a xente non só se pasou o sábado e o domingo "paseando como unha fin de semana calquera", o que deu lugar a "aglomeracións", senón que tamén houbo quen optou por pasar o confinamento do estado de alerta na súa autocaravana en lugar de nas súas casas.

Ademais, o rexedor denuncia que "hai bastante xente de fóra, fundamentalmente de Madrid" pero tamén "do interior de Galiza", que decidiu nos últimos días trasladarse ás súas segundas residencias situadas en Cangas.

Tamén na comarca do Morrazo, o Concello de Marín decretou o sábado o peche das baixadas ás praias do municipio en coordinación coa Policía Local, igual que os parques infantís e canchas deportivas ao aire libre, xa que aínda había usuarios nestes espazos.

Viveiro tamén experimentou durante a fin de semana un incremento de visitantes doutras comunidades autónomas. Desde o goberno local, segundo indica a Europa Press a alcaldesa, María Loureiro, xa fixeron un chamamento "para que non viñese ninguén".

Iso si, a rexedora advirte que os que teñan que desprazarse ao municipio, que o fagan "cos mesmos coidados" que os seus veciños: "Que non saian das súas casas".