Vigo, A Coruña, Baixo Miño, O Salnés e Pontevedra, sen cobertura de ambulancia? Os sindicatos alertan dese risco
As centrais sindicais alertan que cinco dos principais contratos de ambulancias do 061 poden ficar desertos.
As centrais sindicais CIG, UGT, CCOO e USO trasladan nun comunicado conxunto a súa “preocupación” ante a posibilidade de que cinco contratos do 061, “precisamente os que atenden algunhas das zonas máis poboadas do país”, queden desertos debido á falta de dotación económica suficiente para cubrir os custes reais.
A pasada sexta feira rematou o prazo para presentar as ofertas aos novos concursos do transporte sanitario urxente (061), mais catro das actuais xestoras non concorreron: Ambulancias de Pontevedra (que cubre as áreas de Pontevedra e O Salnés), Ambulancias do Atlántico (que dá servizo a Vigo), Ambuibérica (que atende o Baixo Miño) e SASU (que opera na Coruña).
Que as actuais empresas adxudicatarias non presenten ofertas é un feito inusual no funcionamento deste sector, afirman estas centrais, e evidencia algo que as organizacións sindicais levan anos denunciando, que os contratos están economicamente infradotados. Ademais, que as adxudicatarias que prestan agora o servizo non queiran concursar debido á dotación insuficiente “supón un risco xa que, de non presentarse outras empresas, os contratos poden quedar desertos”.
“Resulta incríbel que a Xunta da Galiza siga apostando por un transporte sanitario precarizado e unha prestación deficiente deste servizo público básico, a pesar das reiteradas queixas trasladadas nestes últimos anos tanto por parte do persoal, como polas propias persoas usuarias. Resulta obvio que plan tan magnífico anunciado polo Goberno galego para o transporte sanitario non é certo, pois non hai ningunha mellora no servizo de ambulancias.
Doutra parte, as centrais sindicais denuncian que a Xunta segue sen publicar os novos contratos do transporte non urxente, malia que se comprometeu co sector a sacalos entre os meses de setembro e outubro.
Porén, ás portas de febreiro e cun Goberno en funcións, “nada se sabe das licitacións. Isto está ocasionando inquietude entre as traballadoras e traballadores xa que unha parte do incremento económico pactado no convenio colectivo aplicarase a partir da entrada en vigor das novas adxudicacións”.
Neste contexto, e ante a falta de respostas por parte da Consellaría, a representación social non desbota iniciar mobilizacións no sector se nos vindeiros días seguen sen darse solucións concretas a estes problemas.