Mapa interactivo

Vigo e Mos, os municipios con maior reserva de solo para vivenda protexida: canta hai no teu concello?

Mapa interactivo coa porcentaxe de solo destinado a vivenda protexida en cada concello.
Actualmente hai un total de 17.569 persoas demandando unha vivenda na Galiza.

A Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publicou esta cuarta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) a resolución que recolle as porcentaxes de reserva de solo municipal para a construción de vivenda protexida correspondente ao ano 2024, que afecta todos os concellos cunha poboación de 5.000 habitantes ou máis. Os que non alcanzan esta cifra fican exentos desta norma.

No conxunto do país, de media, destinarase 7,64% do solo a vivendas con réxime de protección. Unha porcentaxe que se eleva até 23,75% —case a cuarta parte do total— no caso de Vigo, á cabeza nesta táboa que prosegue o municipio lindeiro de Mos, con 21,16%.

Segundo a normativa vixente, os plans xerais de ordenación municipal deberán prever unhas reservas de solo para a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública que, como mínimo, comprendan os terreos necesarios para realizar case un terzo (30%) da edificabilidade residencial prevista pola ordenación urbanística en solo urbanizábel e mais no urbano non consolidado. Excepcionalmente, os plans xerais, atendendo á demanda real de vivenda protexida, poderán fixar unha reserva inferior axustada á porcentaxe de reserva total de solo para vivenda protexida do concello e aos diferentes réximes de vivenda protexida.

A porcentaxe de reserva total do concello determínaa anualmente o Instituto Galego da Vivenda e Solo, partindo do número de solicitudes formuladas a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Galiza. Actualmente, con datos desta mesma cuarta feira, hai un total de 17.569 persoas demandando unha vivenda na Galiza, quer en réxime de aluguer quen perante a compra.