Vigo reunirá nunhas xornadas 150 especialistas en ciberseguridade

Xornada de portas abertas do centro atlanTTic en novembro de 2022 (Foto: UVigo).
O papel da Intelixencia Artificial centrará varias palestras nun encontro organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo (atlanTTic) e o centro tecnolóxico Gradiant na cidade olívica. 

A cidade de Vigo será desde esta cuarta feira e até o 23 de xuño a capital da investigación en ciberseguridade. Máis de 150 persoas participarán nun encontro que, malia levar sete anos realizándose, chegará esta semana por vez primeira á Galiza. A cargo da organización figuran o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo (atlanTTic) e o centro tecnolóxico Gradiant, tamén con sede na cidade olívica. 

O obxectivo do evento, segundo ambas as dúas entidades, é xerar un foro de intercambio de coñecemento e experiencias no ámbito da ciberseguridade entre persoal académico, investigador e empresas. O programa comprende dúas conferencias con relatores de prestixio internacional, como Mordechai Guri, que analizará as canles de ocultación para a comunicación con redes fisicamente illadas, e Carmela Troncoso, que abordará as tecnoloxías deseñadas para mellorar a privacidade combinadas con sistemas que non precisen recoller nin procesar datos. 

A presidenta do comité organizador por parte de atlanTTic, Ana Fernández Vilas, destaca a Nós Diario o labor que se ten realizado en temas de ciberseguridade e privacidade, esta última entendida como “prevención dos datos que son sensíbeis para cada persoa”.

Neste sentido, nas xornadas tratarase o papel da Intelixencia Artificial en ambos os dous temas. “Cando se estabelecen estratexias de aprendizaxe-máquina non se deberían comprometer os datos persoais das persoas usuarias, para evitalo traballamos co cifrado e a criptografía”, explica Fernández Vilas.  

A investigadora pon como exemplo a dixitalización do Porto de Vigo. “Unha fenda de seguridade nese lugar, cun robot que non responda ou responda tarde, non só danaría a súa economía senón tamén podería causar danos nas vidas humanas”, afirma. Para evitalo será fundamental, asegura, “o 6G, da mesma maneira que foi no seu momento o 5G”.  

Da mesma opinión é a presidenta do comité organizador por parte de Gradiant, Lilian Adkinson, que en declaracións  a Nós Diario, ademais, engade o tema das técnicas de desinformación. “Notamos, pola cantidade de artigos presentados, un interese cada vez maior en tratar a Intelixencia Artificial”, apunta. Neste sentido, unha das funcións destas xornadas será a posibilidade de intercambiar  as diferentes técnicas que se probaron en varias universidades.    

Falta de investimento

Cada certo tempo aparecen noticias sobre ciberataques a institucións e empresas. Un dos últimos foi este mesmo mes cando un grupo de hackers que opera a nivel internacional se introduciron nos sistemas informáticos do Concello de Cangas (O Morrazo) provocando varios problemas á hora de facer efectivo o pagamento dos salarios ás funcionarias e  funcionarios municipais. Daquela as áreas máis afectadas foron as de contabilidade, intervención e tesouraría, ademais dos computadores de Alcaldía. 

“O problema é que a ciberseguridade percíbese nas empresas e nas institucións como un custo e non como un investimento”, considera a investigadora da UVigo, “se fosen conscientes dos riscos actuarían de maneira diferente”, engade. Porén, cre que estes problemas están a ser máis habituais "en empresas e administracións pequenas" que en organismos máis grandes "que xa están concienciados dos perigos que corren".