'OPERACIóN ARAñA'

"Viñeron encarapuchados a me deter e queren venderme que isto é unha democracia?"

Conversamos coas dúas persoas detidas na Operación Araña acusadas de 'enaltecemento do terrorismo' e 'humillación ás vítimas' nas redes sociais. 

R.G. e P.F. foron as dúas persoas detidas na Galiza no marco da cuarta fase da Operación Araña despregada na cuarta feira (13 de abril) pola Garda Civil e o Ministerio do Interior. Acúsanas de 'enaltecemento do terrorismo' e 'humillación das vítimas' pola publicación dunha serie de chíos na rede social Twitter, algúns deles en 2012 e 2013. 

A R.G. prendérono na rúa, por volta das 9:00 a.m. cando ía de camiño ao traballo. "Ao saír da casa botáronse riba miña, ían encarapuchados", explica en conversa con Sermos Galiza. "Dixéronme que estaba detido por apoloxía do terrorismo e metéronme nun coche de secreta que tiñan detrás dun contedor". A partir de aí colleron camiño a Pontevedra desde a cidade de Vigo. Levaban tempo detrás del. "Cando subín no coche un deles díxome 'hoxe pegáronseche as sabas' e era certo, ía tarde". 

"Cando subín no coche un deles díxome 'hoxe pegáronseche as sabas' e era certo, ía tarde" 

No caso de P.F. foron ao traballo da nai situado en fronte do domicilio familiar. "Avisáronlle de que tiña que declarar sobre unha pelexa, veu meu pai buscarme e no portal do meu edificio xa me dixeron que estaba detida". Ían dous axentes da Garda Civil mentres outros dous agardaban no coche. 

Twitter

As acusacións que presentan a Garda Civil e o Ministerio baséanse nunha serie de chíos publicados en Twitter. "Refírense a 11 chíos, entre eles tres chistes sobre Irene Villa, un falando mal sobre un policía e dos seguintes frases de cancións contra o PP, PSOE e a monarquía", explica P.F.

‘No me da pena tu tiro en la nuca pepero, me da pena el que muere en una patera’ ou 'A loita non está nos Parlamentos, está nas rúas', os chíos publicados

No concreto, sinala, as cancións dicían ‘no me da pena tu tiro en la nuca pepero, me da pena el que muere en una patera’ e ‘No me da pena tu tiro en la nuca socialisto...’. "Hei de xustificarme no do policía e Irene Villa que eran de 2012 e 2013, agora non penso o que pensaba con 15 e 16 anos e se tivera que pedirlles perdón faríao sen problema" porén, "nos outros chíos sigo a pensar o mesmo", di. 

Pola súa banda a R.G. acúsano de "apoloxía de ETA e AlQaeda" mais, afirma, "non as mencionei" nen sequera nos chíos nos que a Garda Civil basea a acusación, di. R.G. lembra apenas dúas publicacións. "Nunha a cita textual é 'a loita non está nos Parlamentos, está na rúa', iso para eles é enaltecemento do terrorismo". Noutra, dicía "o camarada Arenas [PCE(r)] é un comunista, non un terrorista". "Que alguén me explique onde está a humillación"

"Montaxe policial"

Durante a súa detención e estadía nos calabouzos "un Garda Civil admitiu que era un paripé", subliña R.G. quen tilda de "montaxe policial" o acontecido. "Liberdade de expresión para quen?", pregúntase facendo referencia aos faladoiros de "Intereconomía" ou a absolución de "nazis prendidos con armas en Valencia". 

"As acusacións non teñen pés nen cabeza, queren aterrorizar os rapaces para que non digan o que pensan". R.G. é taxativo na resposta e denuncia a "falta de liberdade neste estado". "Para o pobo as liberdades seguen afastadas, non se respecta nen a liberdade de expresión", sentencia. 

As acusacións non teñen pés nen cabeza, queren aterrorizar os rapaces para que non digan o que pensan

Pola súa banda, P.F., quen estivo detida "desde as once da mañá ás tres da tarde" asegura que é "absurdo" o que aconteceu. "Quizais se poñen comentarios inadecuados no sitio inadecuado, agora si o sei". Porén, acrecenta, é "absurdo porque eu polos meus comentarios ou os doutros compañeires" [P.F. respondeu por desexo propio as preguntas de Sermos Galiza através dun cuestionario, emprega unha grafía con xénero neutro que a redactora optou por manter e respeitar] "somos detides por iso, agardo que deteñan a xente que tamén fai comentarios despectivos contra as mulleres por ser doutro xénero, por ser doutra ideoloxía...". 

O Código Penal prevé penas de prisión de 1 a 3 anos 

A respeito de se achan democrático o que aconteceu, P.F. afirma que "democrático sería se a xustiza fose igual para todes". En troca, R.G sinala: Viñeron encarapuchados a determe por exercer o dereito a liberdade de expresión na rede e queren venderme que eu son o que fai apoloxía do terrorismo e isto é unha democracia? "Incautóuseme o móbil dicindo que o teñen que levar a Madrid porque publicaba desde aí cando non o facía, outra parte da farsa", sinala. Mais, "eles teñen impunidade para facer o que queiran", acrecenta. 

Após a súa posta en liberdade con cargos agardan unha citación formal da Audiencia Nacional española. De acordo co Código Penal e após a súa reforma pola que se consideran os comentarios vertidos nas redes sociais como un delito, poderían enfrontar penas de prisión dun a tres anos de cadea e multa de doce a dezaoito meses (artigo 578).