As violacións aumentaron un 28% no primeiro trimestre, chegando a 55

Manifestación o pasado 25 de novembro en Vigo polo Día Internacional contra a Violencia Machista. (Foto: Adrián Irago / Europa Press).
Ao longo de 2023 tamén repuntaron as vítimas de violencia machista.

O Balance de Criminalidade do primeiro trimestre de 2024, ofrecido esta sexta feira polo Ministerio do Interior, evidencia un notábel incremento dos delitos de violación na Galiza, un total de 55, doce máis que no mesmo período do exercicio anterior. Isto tradúcese nunha repunta de 27,9%, máis do dobre que a rexistrada no conxunto do Estado español (+11,6%), cun total de 1.138 casos.

Entre xaneiro e marzo deste ano tamén se produciron 136 delitos contra a liberdade sexual diferentes da agresión con penetración, once menos que no primeiro trimestre de 2023 (-7,5%), mentres a nivel estatal, pola contra, si medraron, pasando de 3.273 a 3.430 (+4,8%). Desde o Ministerio relacionan estes datos coas "políticas activas de concienciación e de redución da tolerancia social e persoal fronte a este tipo de delitos", así como cunha "maior disposición das vítimas a denuncialos".

O citado balance tamén recolle cinco homicidios dolosos e asasinatos consumados, dous máis que de xaneiro a marzo de 2023, así como outros oito casos en grao de tentativa, cinco menos que no mesmo período do exercicio previo. E non se notificou ningún secuestro, por volta de dous en 2023.

1.474 vítimas de violencia machista o pasado ano

Por outra parte, o Instituto Nacional de Estatística (INE) informou tamén esta sexta feira dun aumento de 11% no número de vítimas de violencia machista, que foron un total de 1.474 na Galiza ao longo do pasado ano, fronte ás 1.326 de 2022. Porén, a taxa de vítimas de violencia machista por cada 1.000 mulleres de 14 e máis anos fica por baixo do rexistro do Estado español: 1,2 fronte a 1,7.